Catro detidos nunha operación contra un bufete de avogados de Madrid por defraudar 15 millóns

O despacho tería deseñado estruturas opacas internacionais das que se beneficiaban el mesmo e os seus clientes

A Agencia Tributaria e a Policía Nacional detiveron catro persoas nunha operación contra un despacho de avogados de Madrid investigado por facilitar unha presunta fraude fiscal de polo menos 15 millóns de euros.

A operación City, dirixida polo xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno e pola Fiscalía Anticorrupción, inclúe entradas e rexistros nas sedes sociais do bufete e o embargo de diversas contas bancarias e inmobles, segundo informou a Fiscalía.

Foron detidos catro profesionais da avogacía e de asesoramento fiscal relacionados co bufete, que deseñaba e comercializaba estruturas opacas internacionais das que se beneficiaban os seus clientes, o propio despacho e os seus profesionais co fin de defraudar a Hacienda Pública española.

Esas estruturas estendíanse por outros países —e con iso por outras xurisdicións fiscais— e permitían aos beneficiarios ocultar as súas rendas e o seu patrimonio nunha fraude que se estima de forma preliminar en máis de 15 millóns de euros en cotas tributarias, e relativas fundamentalmente ao IRPF e Imposto sobre Sociedades.

Aos detidos acúsaseos de delitos de insolvencia punible (alzamento de bens), branqueo de capitais e delitos fiscais.

O procedemento, sobre o que se decretou o segredo de sumario, parte dunha querela formulada pola Fiscalía Anticorrupción a partir das pescudas levadas a cabo durante varios meses pola Oficina Nacional de Investigación contra a Fraude (Onif) da Agencia Tributaria.

No operativo, dirixido conxuntamente por Vixilancia Aduaneira e a Udef Central da Policía Nacional, e no que participaron funcionarios da Onif e da Dependencia Rexional de Inspección de Madrid da Aeat, procedeuse á entrada e rexistro de varias sedes en Madrid do bufete de avogados investigado, no que se interveu documentación referente aos feitos denunciados.

O xuíz acordou o bloqueo de saldos en contas bancarias e outros activos financeiros, así como a de prohibición de dispor e o embargo de bens inmobles dalgunhas das persoas e entidades implicadas.

Comentarios