Case a metade dos médicos da pública non teñen praza en propiedade

O 46,7% dos médicos que traballan no Sistema Nacional de Saúde non teñen unha praza en propiedade e, deles, un 26% leva máis de dez anos nesta situación, "renovando contratos" por gardas, por horas ou por baixas.

Esta é unha das principais conclusións dunha enquisa realizada a máis de 10.000 médicos de 49 provincias, promovida polas Vocalías Nacionais de Médicos en Emprego Precario e de Formación e/ou posgrao da Organización Médica Colexial (OMC), presentada hoxe en rolda de prensa.

Estes datos demostran, segundo o doutor Fernando Rivas, coordinador da Oficina de Promoción de Emprego Médico (OPEM), que se está abocando aos médicos a unha "desincentivación que pode carrexar un empeoramento da calidade asistencial", aínda que precisou que este aspecto non se pode demostrar.

No mesmo sentido, o presidente da OMC, Juan José Rodríguez Sendín, puxo o acento nos "altos niveis de explotación laboral" que están a sufrir os médicos e advertiu de que o sistema sanitario "pode estar en perigo".

"A un profesional médico non o podemos meter nunha despensa e recuperalo aos cinco anos para traballar", dixo Sendín, quen alertou de que "dentro de moi pouquiño tempo non imos ter médicos de familia para repor as baixas que se vaian producindo e teremos que sacalos doutras partes do mundo".

Comentarios