Carmena preséntase á reelección en Madrid marcando distancias con Podemos e PSOE

Encabezará unha plataforma nova e di que se reuniu con Iglesias "por pura deferencia"

Carmena. ZIPI
photo_camera Carmena. ZIPI

A alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, anunciou este luns que optará á reelección desde unha plataforma nova, "non de partidos senón de individuos", que non creará ela senón a cidadanía madrileña e na que anima a participar a persoas vinculadas ao PSOE.

"Aquí hai sitio para todas as persoas, estean a militar ou teñan carné do que teñan, é a nivel persoal", afirmou Carmena, que engadiu: "Pode caber calquera, por que non, claro que si, persoas vinculadas ao PSOE que lles apeteza estar nesta plataforma", asegurou.

Nunha rolda de prensa no Palacio de Cibeles, a rexedora madrileña asegurou que se reuniu o domingo co líder de Podemos, Pablo Iglesias, por pura "deferencia", porque representa a forzas progresistas, como tamén "mandou unha mensaxe" ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Sobre a nova plataforma, asegurou que non quere ser "o elemento predominante" senón "promotor" e chamou a participar aos colectivos progresistas. "Eu non vou facer esa plataforma, vaina facer Madrid, as forzas progresistas de Madrid", explicou.

A rexedora non adiantou que forma xurídica adoptará esta plataforma porque "quedan moitos meses" e non está "pechado", aínda que si "está preparado para que poida xurdir algo novo".

"Cando as eleccións se convoquen falaremos de como se vai a configurar a candidatura, pautas, programas. Cando fagamos eleccións, agora non falamos de eleccións", defendeu.

Ao ser preguntada sobre por que non optou por presentarse ás primarias pactadas por Podemos e Esquerda Unida e se se someterá ou non a unha votación, defendeu: "Poño encima da mesa a miña proposta, nin dixen que vou facer as listas nin dixen que estea a cuestionar outras alternativas que fagan os partidos políticos".

Sobre que nomes do seu equipo de Goberno a acompañarán nesta nova plataforma, asegurou que quere ir "cos mellores". "Pero aí me quedo", engadiu Carmena, que tampouco revelou quen será o seu número dous.

Comentarios