Carmena recula e despregará unha pancarta en honra a Miguel Ángel

Todos os grupos asistirán á homenaxe do PP ao concelleiro asasinado por Eta
Manuela Carmena
photo_camera Manuela Carmena

O Concello de Madrid despregará este mércores no acto homenaxe a Miguel Ángel Blanco, ás 12 horas en Cibeles, unha pancarta que agarrarán os asistentes co lema 'No 20 aniversario do asasinato de Miguel Ángel Blanco, Madrid con todas as vítimas do terrorismo', pero non a colgará da súa fachada. Así o indicou o consistorio nun comunicado, no que recordan que o Concello se sumou á iniciativa proposta pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no recordo ao edil de Ermua asasinado por Eta.

A alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, membros do equipo de Goberno e representantes dos grupos políticos que compoñen a Corporación participarán nesta concentración que, de forma simultánea, tamén se celebrará en numerosos municipios de España. O equipo de Goberno invitou aos empregados municipais a sumarse á iniciativa.

A rexedora madrileña e representantes de todos os grupos políticos no consistorio asistirán ao acto, que se mantén a pesar da convocatoria posterior dunha concentración no Concello de Madrid. A portavoz do Goberno municipal, Rita Maestre, anunciou esta decisión nunha comparecencia na praza da Vila xunto ao resto de portavoces —José Luis Martínez-Almeida (PP), Purificación Causapié (PSOE) e Begoña Villacís (C's)— tras manter unha reunión para lograr un acordo sobre a homenaxe ao edil asasinado pola banda terrorista.

Carmena mantivera que non tiña "moito sentido" pór unha pancarta en recordo do edil, de cuxo asasinato se cumpren 20 anos, para non distinguir entre vítimas, e rexeitou nun primeiro momento convocar unha homenaxe, o que derivou nun aluvión de críticas.

"En primeiro lugar o PP realizará unha homenaxe ao concelleiro asasinado por Eta do PP Miguel Ángel Blanco ao que moi gustosamente acudiremos todos os grupos municipais", dixo aos xornalistas Rita Maestre. E proseguiu: "En segundo lugar ás 12.00 horas en Cibeles, seguindo a convocatoria da FEMP, o Concello de Madrid convoca unha concentración e un minuto de silencio en homenaxe a Blanco e a todas as vítimas do terrorismo de Eta".

Comentarios