O atraso da nómina é motivo para extinguir un contrato e cobrar indemnización

O Tribunal Supremo estima o recurso dun traballador e entende que a demora media de 10,5 días coa que cobrou durante meses ten a gravidade suficiente para xustificar a resolución indemnizada do seu contrato

Sede del Tribunal Supremo. ARCHIVO
photo_camera Sede do Tribunal Supremo. ARQUIVO

O Tribunal Supremo estableceu que o atraso reiterado no pago das nóminas xustifica a extinción do contrato de traballo e dálle dereito ao traballador a recibir a indemnización prevista para os casos de despedimento improcedente.

Nunha sentenza datada o pasado 10 de xaneiro á que tivo acceso Efe, a sala do Social estimou o recurso dun traballador dunha empresa contra unha sentenza de abril de 2021 do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. O que aclarou o Supremo é se o atraso no pago do salario ten a gravidade suficiente como para xustificar a resolución indemnizada do seu contrato de traballo.

O traballador prestaba os seus servizos na empresa desde o 3 de outubro de 2007, con categoría de persoal de oficial de primeira e unha retribución de 2.624,47 euros mensuais. Entre abril de 2019 e marzo de 2020 o empregado percibiu a súa retribución cun atraso medio de 10,5 días, que a empresa xustificou polas débedas que mantiña coa Tesourería Xeral da Seguridade Social.

O TSJM desestimou as pretensións do traballador ao entender que a media de atraso non era excesivo e que, ao ser unha práctica reiterada, era perfectamente previsible, podendo acomodarse a ela, atendidas tamén as dificultades económicas da empresa.

Pero o Supremo si ve grave o atraso e considera que o empleador "non ten a facultade unilateral de modular ou condicionar o cumprimento da obrigación de abono puntual do salario". Incumprir de forma reiterada esta obrigación "pode resultar nunha modificación da mesma", e "non resulta esixible ao traballador que asuma e se adapte ao atraso só porque este se reitere no tempo de xeito previsible".

Comentarios