Anulan a condena a Nuria Roca por chamar "choriza" a Sonia Castedo

A presentadora de televisión fora condenada a pagar 15.000 euros á exalcaldesa de Alacante, natural de Ribadeo

A Audiencia Provincial de Alacante revogou a sentenza dun xulgado da cidade á presentadora de televisión e locutora de radio Nuria Roca que a condenaba a pagar 15.000 euros á exalcaldesa Sonia Castedo (PP) por chamala no seu blog "choriza sen paliativos".

Segundo anunciou a presentadora e locutora na súa conta da rede social Twitter, a Audiencia estima o recurso de apelación que presentou contra a sentenza ditada o pasado 8 de maio polo xulgado de Primeira Instancia número 9 de Alacante.

Deste xeito, revoga dita condena e desestima a demanda interposta pola exalcaldesa de Alacante contra a xornalista en relación á protección do dereito á honra.

"Que ganas tiña de contarvos que a Audiencia Provincial de Alacante deume a razón na súa totalidade no meu contencioso contra Sonia Castedo", escribiu na rede social antes de colgar, escaneado, o fallo do alto tribunal.

"Unha vez máis, grazas a todos polo apoio durante todo este tempo!", engadiu a presentadora e locutora.

A exalcaldesa de Alacante, natural de Ribadeo, dimitiu por mor da súa dobre imputación en dúas ramas do caso Brugal de suposta corrupción urbanística presuntamente a favor do empresario Enrique Ortiz, un relativo ao deseño do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PGOU) da cidade e outro polo plan urbanístico do barrio de Rabasa.

Tres meses antes, en setembro de 2014, Roca publicou no seu blog 'Los tacones de Olivia' unha entrada ou "editorial" co título "Cáesme moi mal. Téñoche teima e detesto todo o que representas", dedicada á aínda entón alcaldesa alacantina.

"Persoalmente non a coñezo, tiven a sorte de non coñecela e aínda así provócame un enorme rexeitamento", sinalou entón Roca, quen engadiu: "O que vostede, Sonia Castedo, me provoca é vergoña e o que vostede representa fai un dano irreparable á democracia. E ademais sinala aos seus xefes como cómplices se non son capaces de botala do seu partido con dúas imputacións e con esas gravacións grotescas con empresarios corruptos".

"Segundo se desprende das súas conversacións gravadas vostede non ten vergoña (...). Eu non sei que dirán os xuíces sobre as súas corruptelas, pero para min vostede non é unha presunta choriza, é unha choriza sen paliativos", sinalou Roca entre outras críticas.

Ao coñecer estas manifestacións, Castedo presentou unha demanda por presuntas inxurias e calumnias e nun principio pediu 75.000 euros.

Esta cifra foi rebaixada polo xulgado de Primeira Instancia 9 de Alacante nunha sentenza do 8 de maio de 2015 na que estimaba o dano á honra da exdirixente popular, o cal agora anula a Audiencia Provincial.

Comentarios