Ana Botella: ''Nunca serei un verso solto no PP''

A alcaldesa de Madrid, Ana Botella, asegurou hoxe que "nunca" será un "verso solto" no PP, como se cualificou no seu día a Alberto Ruiz-Gallardón ou a Esperanza Aguirre por manter posicións distintas nalgúns asuntos respecto das da dirección do partido.

"Nunca, eu pertenzo a un partido, amo a política do partido e creo que as observacións que fixen onte poden sentilas moitos votantes do Partido Popular", dixo hoxe a alcaldesa ao ser preguntada se o contido da conferencia que pronunciou onte á noite no Club Século XXI pode ser interpretada como unha crítica á política de Mariano Rajoy.

Tras reafirmarse en todo o dito onte, Botella explicou que o que fixo foi "unha reflexión sobre unha serie de cuestións que se producen agora na sociedade española", entre elas "a secesión que quere producir Cataluña", que considera un asunto "moi importante".

A outra cuestión que hoxe destacou do dito onte á noite é a "alarma" que entende que senten "moitos" ou "a maioría" dos españois "ao ver como están a saír á rúa violadores e terroristas" tras a anulación da 'doutrina Parot'.

Fronte a eses "problemas", quixo pór por diante os "bos datos do paro" nun momento en que o "principal problema" da sociedade española, sinalou, é o desemprego.

Nese sentido, dixo ademais que a cidade de Madrid rexistrará en decembro "por primeira vez" en moito tempo un descenso do paro interanual e garantiu que seguirá "traballando nese sentido".

comentarios