Almodóvar descúlpase cos galegos

O cineasta manchego Pedro Almodóvar emitiu un comunicado desculpándose polas desafortunadas declaracións que ofreceu o martes na Cadena Ser nas que afirmou que se el fose "un analfabeto galego" afectado polas preferentes cortaríalle o gaznate" a Blesa e a Rato. O artista asegura na citada nota que lamenta "profundamente" a ofensa que causou e pide desculpas por ela. "Talvez me expresei torpemente, polo que pido desculpas ás persoas que poidan sentirse ofendidas", di, engadindo que a súa intención era: "Mostrar a miña solidariedade coas persoas que foron enganadas polas entidades bancarias nas que confiaban, vendéndolles produtos financeiros que demostraron ser fraudulentos. Tamén quería manifestar a miña indignación cos directivos destas entidades que estiveron gozando nos últimos anos de créditos ilimitados e opacos para sufragar gastos tan persoais como a súa asistencia a club nocturnos, viaxes de pracer, e todo tipo de luxos".

Ademais, o manchego tamén se desculpa pola violencia implícita da súa mensaxe, polo que conclúe asegurando: "Non son unha persoa violenta e sinto admiración pola cultura, a paisaxe, a gastronomía e o pobo galego".

Comentarios