Aguirre porá peaxes nas autovías madrileñas

A presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, porá peaxe nas autovías dependentes da administración autonómica, entre elas a M-45 e a M-501.

Así o anuncia nunha entrevista que hoxe publica o diario ABC, na que explica que non terá "máis remedio" que facelo porque o mantemento da "chea" de autovías da rexión custa 30 millóns ao ano Facenda da Comunidade.

Aguirre avisa de que "haberá que recortar" noutras "moitísimas cousas" e menciona neste sentido as "moitísimas subvencións" que concede a Comunidade.

Tamén repite que lle gustaría "non ter que pagar o máster aos fillos das familias adiñeiradas" e que o Goberno da Nación lle deixase "cobrar o que custa".

O problema, apunta a presidenta madrileña, é que a Comunidade non pode soster a sanidade, a educación, os servizos sociais e o transporte cos ingresos que ten agora.

Preguntada polos "recortes" que o Consello de Goberno abordará mañá, Aguirre replica: "¿Por que chama vostede recortes ao que é devolver á sociedade o que nunca debeu perder?".

Como exemplo pon o metro de Madrid, que "ata o ano 1976 era unha empresa privada".

"O meu avó tiña accións e gañaba diñeiro, e custaba unha peseta. O Goberno da UCD nacionalizouna, e o problema agora é que temos que pagar o 60% do custo".

Ante a dúbida do entrevistador de se o Goberno autonómico non descarta privatizar o Metro, contesta: "eu non descarto introducir melloras en todos os servizos públicos".

En todo caso, Aguirre declárase convencida de que "ao longo deste ano o Goberno terá que afrontar moitas reformas e moi importantes" e repite a súa idea de que "a dose do medicamento, cando é amarga, máis vale dala dunha vez que a pouquiños".

Comentarios