CANDIDATOS EN CORTO

"Cando administracións non te reciben ou poñen trabas tómoo moi a peito"

María Loureiro leva máis de 9 anos como alcaldesa de Viveiro, desde que faleceu Melchor Roel en decembro do 2013, e afronta as terceiras municipais como candidata
María Loureiro, candidata do PSOE de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera María Loureiro, candidata do PSOE de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Como vive o día das eleccións?
É certo que xa teño experiencia e estou tranquila, pero vívese con tensión. Ata o último queremos transmitir o que puidemos facer e os proxectos que temos de cara ao seguinte mandato. Temos un equipo moi bo, moi traballador e eu estou moi ilusionada, con moita forza e motivada, compaxinando a campaña co día a día do concello, pois son alcaldesa ata o 28.

Déixalle boas sensacións esta campaña?
Os veciños serán os que decidirán se revalidamos a alcaldía ou hai un cambio, pero nós tamén notamos apoio, a xente comprende que foi un mandato complicado, foi un mandato de dous anos, non de catro, e sempre intentamos explicar o que se pode e o que non se pode facer. Os nosos proxectos son reais, temos a experiencia de goberno destes anos e non prometemos cousas que non se poden facer ou non dependen do Concello.

Gústalle memorizar as cousas pero bota man da axenda para anotar sobre todo se son a longo prazo, tanto do Concello como persoais. JMA
Gústalle memorizar as cousas pero bota man da axenda para anotar sobre todo se son a longo prazo, tanto do Concello como persoais. JMA

Goberna con minoría simple, gustaríalle poder seguir así ou non lle importaría pactar?
Hai catro anos estivemos a piques de acadar a maioría absoluta e coma calquera aspiramos a ganar e a gobernar sós, temos equipo, temos proxecto e fixemos un gran traballo a pesar deste mandato tan complicado.

Que non puido sacar adiante?
Houbo que deixar dun lado o programa de goberno pola pandemia e creo que estivemos á altura, fomos o primeiro concello da Mariña e un dos de Galicia que máis rápido tomou medidas e creo que se valora que un goberno saiba reaccionar en momentos imprevisibles. Fixéronse cousas, obras en viais, saíu adiante o edificio da Seguridade Social e o PXOM pese ás trabas en todas as consellerías está a punto de aprobarse, pero non interesa que sexa antes do 28.

Que retos teñen por diante?
Penso que o futuro de Viveiro pasa por tres puntos fundamentais, o PXOM, un plan industrial porque están pechando moitas empresas e a Vía de Alta Capacidade. Comprometémonos a traballar coa Xunta e facilitar todo o que se necesite para logralos.

No bolso da alcaldesa vai sempre un chaveiro coas chaves do consistorio, que ten moi preto da súa casa no casco histórico da cidade. JMA
No bolso da alcaldesa vai sempre un chaveiro coas chaves do consistorio, que ten moi preto da súa casa no casco histórico da cidade. JMA

A variante ao final leva o proxecto ao que se opoñían os veciños.
O señor Balseiro dixo en sede Parlamentaria, o que me parece moi grave, que a Viveiro se lle ofreceron sete trazados e é mentira. Había un consensuado por todos e cando entrou o PP na Xunta cambiouno, chegou un día ao concello un paquete co trazado novo e desde aí non volveron chamar nin facer caso, ata que dixeron o dunha ponte, de palabra. Non é certo que poñamos impedimentos, de feito dixéronnos que para seguir adiante co PXOM iría o trazado da Xunta e dixemos que si.

Que proxectos impulsarán nos próximos anos?
É cuestión de días que a titularidade dos terreos da explanada da variante sexa do Concello e poderáselle dar un arranxo definitivo, e tamén firmamos coa Deputación un convenio para mellorar a fachada marítima de Celeiro. Non son promesas, son realidades e quen sexa alcalde vai facer iso porque xa está aprobado. Tamén temos un proxecto para o Casino, para facer unha zona dotacional con pistas deportivas e unha explanada para concertos e o mercado.

Notamos o apoio da xente, comprende que foi un mandato complicado, un mandato de dous anos, non de catro"

Que cousas boas e malas ten ser alcaldesa?
Unha das cousas máis bonitas que me pasou é ser alcaldesa do meu concello, onde nacín, onde son feliz e se crían os meus fillos. É moi bonito estar no día a día intentando solucionar os problemas, aínda que ás veces hai cousas que te disgustan. Cando hai administracións que non te reciben ou poñen trabas tómoo moi a peito, pero ao poñer todo nunha balanza o resultado é positivo.

Di que a música lle resulta un modo de evasión e escoita de todo, dende clásicos do pop español ata a máis actual que lle gusta á súa filla. JMA
Di que a música lle resulta un modo de evasión e escoita de todo, dende clásicos do pop español ata a máis actual que lle gusta á súa filla. JMA

Que lle din na casa?
Apóianme sempre, pero tamén son os maiores críticos que teño, din como ven as cousas e a min iso gústame. Tamén leo o que di a xente nas redes sociais, moitas veces son críticas construtivas e estamos para iso, para escoitar o bo e o malo.

Como se organiza entre o Concello, a Deputación e a casa?
Calquera nai traballadora necesita axuda para o día a día, neste caso hai que botar man dos avós.

Que adoita facer para evadirse ou desconectar?
Escoitar música reláxame moitísimo, para min é unha terapia. Tamén me gusta facer deporte, acostumeime a unha rutina de facelo tres días á semana e busco un oco para estar cos amigos, a familia e os fillos. Nesta tempada ese ratiño de chegar á casa antes de que durman ou estar con eles comendo ou ceando dáme a vida.

Máis en Elecciones Municipales 28M