Zapatero: ''A folga xeral dáme respecto''

Un día despois de salvar no Congreso a súa reforma laboral, que ampara un despedimento máis barato e un maior control para os parados, o presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, asegurou este venres que non haberá máis recortes e que o estado do benestar se manterá intacto.

Nunha entrevista concedida a unha emisora de radio estatal, o titular do Executivo español curouse en saúde e dixo ter a conciencia tranquila respecto da negociación das medidas adoptadas: "Non sinto que traizoe os principios da reforma laboral", sinalou, para explicar a continuación que a crise e a alta taxa de paro obrigaban "a facer cambios e reformas".

Son precisamente eses os dous factores que o próximo 29 de setembro provocarán a saída á rúa de miles de persoas na xa anunciada folga xeral. Sobre esta cuestión pronunciouse tamén Zapatero, subliñando que lle dá "respecto. Respecto aos sindicatos e á forza social. Xogan un papel fundamental no sistema democrático". A este respecto, o mandatario socialista ha recordado que "o 80% dos parados en España contan con protección", e que este mesmo xoves prorrogouse a prestación de 400 euros para os desempregados de longa duración. "Tratei de manter a cohesión social coa crise económica máis forte dos últimos 50 anos".

Ao seu xuízo, a reforma laboral aprobada polo Congreso supón un modelo máis próximo a Europa porque axudará a crear emprego cando comece a recuperación, evitará a destrución masiva de postos de traballo ante unha posible crise e permitirá que se asinen máis contratos indefinidos e menos temporais, sobre todo entre os mozos.

Zapatero incidiu no labor do Executivo na súa loita pola extensión dos dereitos sociais e civís. Para iso recordou o aumento do 40% no gasto social no período 2004-2008, o feito de que as prestacións sociais por habitante pasen de 3.900 a 5.200 euros e o tratamento especial dado á dependencia, á paternidade, ás bolsas, á educación ou ás pensións mínimas.

O estado do benestar, intacto
Así as cousas, Zapatero garantiu que non se farán máis recortes nin tocará as prestacións do estado do benestar porque "afortunadamente non vai facer falta". Desde que se tomaron as medidas de axuste do déficit, os 'stress test' sobre os bancos e todas as reformas postas en marcha polo seu Executivo "reduciron" a tensión sobre a débeda española, segundo a información facilitada polo presidente do Goberno.

Aínda que "comprende" que "isto aos empregados públicos non lles vai supor ningún consolo", despois do recorte dos seus salarios, grazas a esas medidas agora o Tesouro finánciase dunha "forma máis razoable" e os bancos españois empezaron a colocar a súa débeda no mercado almacenista.

Subliñou que o ritmo de redución de déficit "está a cumprirse", pero que se debe profundar nas reformas, e aínda que dixo que se está medrando "moi debilmente", espera que a finais de ano ou a principios de 2011 o crecemento "permita crear emprego aínda que sexa moi debilmente".

ETA: Non hai contactos
"Hai que desconfiar", dixo Zapatero ao ser preguntado pola posibilidade de retomar o diálogo coa banda armada tras o anuncio do seu cesamento do fogo. Por iso, ao non manter contacto con ETA nin con ninguén da súa contorna, o Goberno español non dispón de información "certa" sobre as posibilidades de que abandonen a loita armada. "As probas que van ter que pór encima da mesa para que a democracia se convenza de que van en serio, que van deixar a violencia, que se acaba, van ser probas de gran esixencia".

Ante as peticións que a esquerda abertzale lle fixo ao Executivo para que acepte a súa legalización e permita que concorran aos comicios, o socialista reiterou que hai dúas condicións que deben cumprir, e que pasan por unha condena "taxativa e sen ambigüidades" da violencia e porque ETA abandone as armas.

Primarias en Madrid, autonómicas en Barcelona
As polémicas primarias dos socialistas madrileños entre Tomás Gómez e Trinidad Jiménez, e o anuncio do presidente da Generalitat, José Montilla, de que os cataláns terán cita coas urnas o próximo 28 de novembro ocuparon boa parte da conversación.

Respecto da primeira cuestión, Zapatero dixo sentirse preocupado unicamente por dous puntos: "que os militantes sentan libres votando e que teño o convencemento de que existen posibilidades de facer un cambio de goberno en Madrid". Recoñeceu, así mesmo, que "podería telas evitado [as primarias] se quixese. Trasladei a Tomás Gómez a miña consideración de que temos a unha persoa en condicións de poder gañar, e el entendeu que estaba tamén nesa posición".

Sobre as eleccións en Cataluña, o mandatario socialista recoñeceu a evidencia das enquisas, que dan como gañador a CiU. Pese ha iso, sinalou que o PSC "sae a competir" aínda sabendo que se trata dunha batalla complicada que se librará no medio dunha forte crise económica que afecta tamén a Cataluña e co conflito polas limitacións do Estatut como pano de fondo.

Comentarios