A Xunta ve "improvisada" a política enerxética do Goberno

Alerta de que se poñen en risco empregos
Francisco Conde. VICTORIA RODRÍGUEZ / ARCHIVO
photo_camera Francisco Conde. VICTORIA RODRÍGUEZ

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, acusou este martes ao Goberno central de estar levando a cabo unha transición enerxética "desordenada" e "improvisada", ao ser preguntado pola nova tarifa eléctrica. 

"Non cumpre o obxectivo que temos establecido dentro da nosa economía, que as empresas poidan acceder a un prezo competitivo e que os consumidores non paguen no recibo da luz o custo desta transición enerxética", expuxo. 

Ademais, considerou que as medidas do Goberno "pon en risco empregos" en Galicia. "Hoxe constátase que esa transición enerxética está a xerar un custo adicional aos consumidores no prezo da factura e falta de competitividade das nosas industrias". 

"Non só das empresas electrointensivas, que non conseguiron que a través do estatuto electrointensivo puidesen ter un prezo equiparable á Unión Europea, senón que o tecido produtivo asume un custo máis elevado", recalcou. 

Todo iso vinculouno a unha "mala política" e a unha política enerxética "improvisada" por parte do Executivo. "Esperamos que se poida rectificar", dixo o conselleiro, para quen "a aposta polas renovables" non a deben pagar "nin os consumidores nin as propias empresas"

Comentarios