A maxistrada retén as indemnizacións millonarias da excúpula de Abengoa

A Audiencia Nacional admite a querela de dous bonistas da enerxética contra Benjumea e Sánchez e retenlles as cantidades equivalentes ás que cobraron ao irse

A xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela admitiu a trámite a querela presentada por dous bonistas contra os exdirectivos de Abengoa Felipe Benjumea e Manuel Sánchez Ortega, a quen lles impuxo unha fianza civil de 11,5 millóns e 4,5 millóns de euros, respectivamente.

Nun auto, a xuíza cre que puideron incorrer nun delito de administración desleal e, no caso de Sánchez Ortega, outro de información privilexiada tras a súa fichaxe polo fondo Blackrock.

A maxistrada acorda ademais pedir a Abengoa a información que teña de pagos feitos en 2015 a Benjumea (expresidente) e a Sánchez Ortega (exconselleiro delegado) por abandonar a empresa, cantidades que se corresponden coas fianzas civís que deberán abonar en 24 horas. Se non o fan, engade o auto, procederase á adopción de medidas cautelares sobre os seus bens.

Tamén pide á Comisión Nacional do Mercado de Valores que lle entregue a información sobre eses pagos así como das operacións de compravenda de accións de Abengoa desde o 1 de agosto realizadas polo fondo Blackrock.

Xunto a isto, pide ao xulgado do mercantil 2 de Sevilla a solicitude de preconcurso da empresa enerxética, así como á consultora Deloitte a copia do último informe emitido sobre as contas e resultados de Abengoa.

No auto, a maxistrada recolle as acusacións dos bonistas que cualifican de "horrible" a xestión da empresa e acusan aos querellados de abandonar a mesma pouco antes de que se presentase a situación concursal cunhas indemnizacións ou contraprestacións contractuais millonarias
cando coñecían a auténtica realidade económico financeira da empresa.

Así mesmo denúnciase que, tras abandonar a empresa, o exconselleiro delegado foi contratado pola empresa Blackrock, na que se beneficiou do seu coñecemento da situación real de Abengoa "mediante a adquisición á baixa de accións da mesma".

Abengoa presentou o pasado 25 de novembro o preconcurso de acredores lastrada polo seu alto endebedamento, xa que suma máis de 9.000 millóns de débeda financeira e case 5.000 millóns en pagos pendentes a provedores.

A empresa negocia agora cos seus acredores a procura dunha solución que evite o que sería o maior concurso da historia de España.

Comentarios