A vella Pescanova cae un 10% en bolsa tras a millonaria fianza imposta

As accións da compañía acabaron a semana na contorna dos 84 céntimos

Una de las plantas de Pescanova. SALVADOR SAS
photo_camera Unha das plantas de Pescanova. SALVADOR SAS

A vella Pescanova pechou a sesión deste venres na bolsa cunha caída do 10% despois de que a Audiencia Nacional lle impuxera unha fianza que pode chegar a case 950 millóns que, se se ten que abonar finalmente, colocaría en risco a solvencia da entidade. As accións da compañía acabaron a semana na contorna dos 84 céntimos, o que supón que no que vai de 2018 acumulan unha depreciación superior ao 30%.

O xuíz que investiga o caso que levou á firma a declararse en concurso de acredores en 2013, impuxo este xoves unha fianza á empresa de 348 millóns de euros. A esta candidade poderían sumarse ata 600 millóns de euros en concepto de responsabilidade subsidiaria dependendo de se cada acusado paga ou non a súa parte, segundo precisou a Efe un portavoz da sociedade.

Estas mesmas fontes sinalaron que recorrerán a decisión xudicial e que confían en que se aplique unha quita do 97,5% -debido aos acordos alcanzados no proceso concursal- e que Nova Pescanova se faga cargo do seu importe final.

A reestruturación do grupo galego, en 2015, supuxo a súa división en dúas partes: Pescanova S.A. (tamén coñecida como "a vella Pescanova"), unha sociedade de carteira sen actividade e en mans dos accionistas minoritarios; e Nova Pescanova, controlada pola banca acredora e que concentrou a capacidade produtiva.

Vella Pescanova, cuxo principal activo actualmente é unha participación do 1,65% na Nova, pechou o exercicio 2017 con 6.000 euros de perdas e unha facturación de apenas 69.000 euros, motivo polo que o pago da fianza imposta pola Audiencia Nacional situaría á firma en risco de quebra.

Comentarios