UU.AA. reclama para as granxas galegas 315 millóns tras as multas ás industrias lácteas

As sancións foron aplicadas por Competencia por pactar o prezo do leite en orixe
Vacas frisonas. EP
photo_camera Vacas frisoas. EP

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) reclamou este xoves en Lugo que as granxas galegas poidan percibir 315 millóns de euros que deixaron de percibir, tras as multas aplicadas ás industrias lácteas por pactar entre elas o prezo do leite. As sancións foron aplicadas pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ás industrias por "prácticas ilegais", segundo a central, que reclama agora indemnizacións ás explotacións agrarias prexudicadas.

Os membros do sindicato agrario prevén reunirse con decenas de gandeiros da comarca de Lugo, despois dunha recente reunión similar con propietarios de explotacións de Sarria.

O secretario xeral de UU.AA., Roberto García, sinalou que as industrias recibiron multas de 80 millóns de euros por "pactar" entre elas a decisión de "manter anormalmente baixo o prezo do leite en orixe entre os anos 2000 e 2013". De acordo cos cálculos do sindicato, as gandarías afectadas poderían reclamar agora as industrias lácteas multadas o pago de indemnizacións equivalentes a 3 céntimos por cada litro de leite entregado nese período, que suman 315 millóns de euros.

A organización agraria tamén valora a posibilidade de solicitar indemnizacións doutras firmas que tamén incorreron "en prácticas ilícitas", aínda que no seu caso non foron sancionadas por Competencia porque as infraccións xa prescribiran.

Segundo o sindicato, en Galicia poden estar afectadas unhas 32.000 explotacións e ao redor de 300 xa se puxeron en contacto con UU.AA. para solicitar información ou para iniciar xa os trámites de reclamación.

Comentarios