Unha alternativa para as interferencias de xaneiro no sinal da TDT

O compostelán Hotel Monumento San Francisco acolleu un encontro cos medios promovido pola compañía SES na que se abordaron os novos retos aos que se enfronta a televisión en Galicia. E este foi o momento elixido polo director xeral de SES Astra Ibérica, Luis Sahún, para reivindicar a funcionalidade do satélite como unha opción alternativa ante á Televisión Dixital Terrestre (TDT), tendo en conta os cambios que esta está a experimentar e os que lle quedan aínda por atravesar.

Como punto de partida, cabe lembrar que a partir do 1 de xaneiro o sinal da TDT convivirá co do 4G, dando lugar a interferencias na frecuencia da primeira. Así o recoñece o Ministerio de Industria no plan de actuacións para a liberación do dividendo dixital. A solución a este problema non é especialmente complicada, pero tampouco barata. Por iso, desde Industria manifestouse a idea de que deberían ser as empresas de telecomunicacións as encargadas de cubrir os gastos da instalación dos filtros de antena nos tellados dos edificios para acabar con ditas interferencias.

Pero existe outra solución que permite aos usuarios esquivar estas interferencias televisivas, e é a que nos presenta Luis Sahún: a televisión satélite é un sistema que retransmite canles de televisión e de radio a calquera parte do mundo, alcanzando o 99 % da poboación mundial, sendo ademais un sistema que non se verá interrompido nin afectado polo dividendo dixital nin polas futuras interferencias entre a TDT e o 4G que afectarán as vivendas a partir do novo ano.

Axudas públicas para a reantenización

O pasado 1 de novembro, o BOE publicaba o plan de axudas públicas para a adaptación das antenas colectivas en edificios de vivendas, valorado en 280 millóns de euros. As axudas, cuxo importe oscilará entre os 100 e os 550 euros por comunidade, poderán asignarse, segundo o texto, a calquera tecnoloxía televisiva incluíndo cable, ADSL ou satélite. Esta variedade de opcións é para Luis Sahún, “un paso importante para que se afiance o principio de neutralidade tecnolóxica, pero tamén supón un claro beneficio para que os espectadores poidan gozar da experiencia televisiva coas vantaxes que ofrecen outras plataformas tecnolóxicas: alta definición de calidade, máis canles, menos cortes, ausencia de futuras adaptacións, etc.”.

Con todo, tramitar estas axudas no caso de tecnoloxías que non sexan TDT será máis complicado. “Temémonos que, unha vez máis, sexa a tecnoloxía terrestre a única beneficiada”, continuou o directivo. Ademais, o texto non atende cuestións de importancia como “que ocorrerá coas axudas públicas para a mitigación de interferencias entre servizos 4G e TDT (antes mencionadas) ou a como os fogares se verán de novo afectados polo segundo Dividendo Dixital”.

Outras metas: as zonas remotas e a Ultra Alta Definición

En xuño de 2013, a Comisión Europea de Competencia declarou ilegais e incompatibles co mercado europeo as axudas públicas destinadas a dixitalizar a televisión en zonas remotas e pouco poboadas de España, de maneira que se tiveron que recuperar as cantidades, que foran concedidas con esta finalidade, dos beneficiarios das mesmas.

Con respecto a isto, o director xeral de SES declarou que "se se convoca un novo concurso público, neutral tecnoloxicamente, para levar a TV a zonas remotas da rexión, presentarémonos, posto que cremos na eficacia e nas capacidades do satélite hoxe, e no longo prazo”.

Tras asentarse a Alta Definición como un estándar de gran aceptación a escala mundial, SES mostrou aos asistentes o próximo avance televisivo nesta liña: a Ultra Alta Definición, que multiplica por catro as características da Alta Definición actual, esperándose que os Xogos Olímpicos de Río de 2016 sexan o primeiro evento transmitido en Ultra Alta Definición. As máis recentes previsións, explicadas por SES na derradeira edición de IBC Ámsterdam vaticinan que, en 2025, a metade das televisións serán en Ultra HD. Un ano no que, se as previsións cúmprense, existirán no mundo 1.000 canles de televisión e 500 millóns de pantallas.

Deste xeito, e tendo todos estes factores en conta, a Sahún só lle queda finalizar a súa presentación sobre o futuro da, cada vez máis potente, pequena pantalla, coas seguintes palabras: “Os espectadores son cada vez máis esixentes co que queren ver, coa calidade da imaxe e con poder gozar dos contidos en calquera lugar e a través de múltiples dispositivos. A evolución da televisión non se entende sen a confluencia de distintas tecnoloxías, tendo ben presente que a diferenciación na calidade da transmisión dos contidos".

Comentarios