Á última sen rebentar o armario

Unha galega e unha catalá están detrás de Pislow, unha startup enfocada ao aluguer de moda. Cada mes envían caixas con dúas pezas e un accesorio personalizados a clientas de todo o país

Sheila Moya y María José González, las fundadoras de Pislow. EP
photo_camera Sheila Moya e María José González, as fundadoras de Pislow. EP

Crear unha alternativa á compra de moda máis sostible impulsando a reutilización de pezas a través dunha fórmula que aúna o renting coa creación de estilos personalizados en liña cos gustos de cada clienta. É a idea de negocio á que María José González Antelo (A Coruña, 1979) e Sheila Moya (Igualada, 1982) deron corpo en 2017 ao crear a startup Pislow "Ofrecemos unha subscripción mensual de aluguer de roupa", explica a galega —conselleira delegada (CEO) de Pislow—, que hai uns anos decidiu dar "un cambio drástico" á súa carreira profesional e emprender conxugando a súa paixón polas tendencias coa intención de cambiar "as regras do sector desde a tecnoloxía e a economía colaborativa". 

Licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago e consultora internacional de IT en Accenture e Puig en Barcelona, sumou o seu talento ao de Sheila (a directora de mercadotecnia), cunha licenciatura en Administración e Dirección de Empresas e especializada en dirección creativa en moda e dirección comercial. O apoio da aceleradora de startups Conector supuxo un empuxón, pois por esta vía sumáronse ao proxecto como socios a vicepresidenta de Tous, Rosa Tous; o coñecido investidor en empresas emerxentes e fundador do viveiro, Carlos Blanco; Marc Ros, de Aftershare TV; David Tomás, de Cyberclick; Ester Pombal (CaixaBank) e Aniol Brosa (World Mastery). Ademais, Pislow colabora con Tous como marketplace, no que supón unha aposta da firma catalá de xoiería e complementos por unha nova canle de distribución dos seus produtos. 

"Na última década, e especialmente coa aparición da fast fashion, percibimos que existe unha tendencia á diminución do uso da roupa antes de ser desbotada ou esquecida no fondo do armario, é dicir, recortamos a súa vida útil cando podería estar practicamente nova", constata González. Actualmente, cada peza lócese entre tres e seis veces, segundo a emprendedora, que sostén que se recortaría "nun 44%" a pegada ambiental dobrando a utilización.

Ademais, nun país no que un terzo dos españois gasta entre 100 e 300 euros ao mes en téxtil e accesorios —segundo un estudo de Privalia—, hai que ter en conta os problemas de almacenaxe que xorden nos armarios. Convencida de que os consumidores "demandan cada vez modelos máis circulares e sostibles no sector do retail", Pislow ofrece ás marcas a súa canle de aluguer de pezas "para que incorporen esta nova economía aos seus modelos de negocio".

A xulgar polas proxeccións de mercado, o negocio ten percorrido. E é que se os prognósticos se cumpren, chegado 2023 o renting de artigos de moda alcanzará unha facturación anual de 1.500 millóns de euros a nivel mundial. 

'FASHIONISTA, MAMÁ OU CURVI'. De momento, a startup xa ten clientes en varias cidades españolas e, por suposto, en Galicia. En canto aos perfís, González explica que atenden "desde fashionistas que queren acceder a un armario infinito, ata embarazadas e mulleres curvi, que buscan cambiar mes a mes o seu estilo grazas á recomendación dos nosos estilistas". A empresaria sinala que tamén notaron demanda por parte dos homes dun servizo que lles inclúe a limpeza da roupa e "a opción de poder acceder a pezas de calidade" a un custo baixo.

Á carta: Unha ‘fashion box' ao mes por entre 39 e 109 euros
A través da súa web, Pislow ofrece unha subscripción para recibir cada mes unha caixa con dúas pezas e un accesorio seleccionados por unha estilista en base aos gustos indicados cubrindo un formulario.
Aplicación de Pislow.EP
Para afinar cada vez máis, a firma tamén bota man de algoritmos para acertar coas preferencias. A tarifa oscila entre 39 e 109 euros ao mes en función da gama —estándar, premium ou de luxo—, incluíndo envíos e devolucións gratis, opción de compra, limpeza profesional e un cambio de talla. "As nosas subscripcións non teñen permanencia, podes darte de baixa en calquera momento", explica a CEO. 

14 usos
É a vida media de cada peza que Pislow inclúe na súa fashion box. Tras cada devolución, ademais de pasar pola tinturería, cada artigo sométese a un control para detectar danos. Se unha usuaria se namora dunha peza, poderá comprala a prezo especial.

Comentarios