Dous días falando, e non se entenden

A reunión entre o ministro de Traballo, Valeriano Gómez, e os representantes de CC.OO. e UGT retomouse este domingo ás once da mañá despois de que terminase o sábado pola noite sen acordo algún.

Tras un encontro de máis de 14 horas, Gómez e os líderes de CC.OO. e UXT, Ignacio Fernández Toxo e Cándido Méndez, decidiron continuar negociando este domingo a reforma das pensións, ao non alcanzar ningún pacto.

Fontes de UGT sinalaron que segue a haber discrepancias sobre o atraso da idade de xubilación aos 67 anos que pretende o Goberno e que rexeitan os representantes dos traballadores.

Obxectivo: Evitar unha nova folga xeral
O principal punto de fricción é o atraso da idade de xubilación aos 67 anos que pretende o Goberno e que pode levar á convocatoria dunha folga xeral, que sería a segunda logo da do 29 de setembro en contra das decisións que o Executivo de Zapatero está  a tomar e que afectan o mercado de traballo. Segundo fontes consultadas pola axencia de noticias Efe, o Executivo está disposto a rebaixar esa idade a 65 anos para os traballadores que coticen 40 anos ou máis. No entanto, o ministerio de Traballo sinala que todas as posibilidades están abertas e que se barallan diferentes alternativas.

Outro dos aspectos crave da negociación é o período de cálculo da pensión, que a maioría de grupos parlamentarios presentes no Pacto de Toledo chamou a modificar "para conceder maior relevancia á carreira de cotización do traballador". Actualmente, para calcular a pensión téñense en conta os últimos 15 anos de vida laboral do traballador, unha cifra que o Goberno pretendía inicialmente ampliar a 25 anos e que os sindicatos son tamén reticentes a variar excesivamente.

En calquera caso, as negociacións están na recta final, xa que o Goberno ten como data límite o 28 de xaneiro para aprobar a reforma das pensións no Consello de Ministros. A delegación de CC.OO. está encabezada por Fernández Toxo, a quen tamén acompañan o secretario de Acción Sindical, Ramón Górriz, e o secretario de Seguridade Social, Carlos Bravo. Pola súa banda, Méndez lidera a delegación de UGT, da que tamén forman parte o secretario de Acción Sindical, Toni Ferrer, e a secretaria de Política Social, Carmen López.

O luns reúnese o Consello Confederal de UGT, e o martes farao o de CC.OO., para analizar a súa resposta ao proxecto gobernamental para cambiar o sistema de pensións. Para os sindicatos a liña divisoria entre o acordo e o conflito é o aumento da idade legal de xubilación a 67 anos, aínda que tamén están en desacordo con que se amplíe por encima dos 15 anos o período sobre o que se calcula a pensión.

Mentres, o Goberno "pelexará" por chegar a un acordo cos sindicatos, pero se non se producen os cambios que o Goberno central pretende "non saen os números". Díxoo o vicepresidente primeiro, Alfredo Pérez Rubalcaba, quen recordou a intención de iniciar contactos cos sindicatos, coa patronal e cos grupos políticos para que o proxecto de lei sobre a reforma das pensións teña "o maior consenso posible" cando se aprobe.

Comentarios