Strauss-Kahn alerta do perigo de que o alto paro xuvenil cree ''unha xeración perdida''

O director xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI), Dominique Strauss-Kahn, constatou este luns que "o mercado laboral está nunha situación catastrófica" e destacou que esta situación non se reverterá coas receitas de sempre".

"Esta crise, a máis grave de todas, deixou un deserto de parados sen parangón", recordou Strauss-Kahn ao inaugurar a conferencia sobre Emprego que este luns reúne en Oslo a expertos e mandatarios europeos, entre eles o presidente do Goberno español, José Luís Rodriguez Zapatero, e o primeiro ministro grego, Giorgos Papandreu.

Segundo o informe preparado para esta xornada polo FMI e a Organización Internacional do Traballo (OIT), a crise xerou en apenas tres anos 30 millóns de parados adicionais, o que elevou a cifra mundial de desempregados a 210 millóns.

Strauss-Kahn recordou que a crise, "que aínda non se detivo" cambiou a estrutura económica dos países e puxo a proba os modelos económicos. Citou como exemplo o comportamento do mercado laboral de Alemaña, Xapón ou Noruega, onde o desemprego apenas se modificou, fronte ao daqueles países que viron rexurdir de forma dramática o paro porque "as súas exportacións derrubáronse ou se viron arrastrados polo colapso do sector da construción".

Strauss-Kahn referíase implicitamente a España, que xunto con Estados Unidos figura no informe do FMI e a OIT como o país onde o desemprego creceu máis notoriamente durante a crise pola súa excesiva dependencia -e abusos- do sector da vivenda.

Lamentou especialmente o incremento do paro xuvenil, que rolda o 40 por cento en España, o dobre que ao comezo da crise. A este respecto, Strauss-Kahn dixo que "se non se adoptan as políticas adecuadas para facerlle fronte a esta traxedia, o custo económico e social será tremendo porque estamos a falar dunha xeración perdida".

O director xerente do FMI reiterou que a crise non se vai deter e con ela o desemprego, de aí, insistiu, na "necesidade de cambiar a nosa forma de pensar e as nosas políticas". "Temos que pensar de forma diferente. Esta crise non é como as demais. As regras de xogo cambiaron. Esta proba de lume non se resolve coas vellas receitas", sinalou Strauss-Kahn, que avogou por unha maior cooperación e coordinación de políticas entre os gobernos e institucións.

Comentarios