S&P confirma o rating da débeda de Galicia

A axencia destaca que a situación da comunidade é mellor que no conxunto de España, pero posto que unha comunidade non pode superar o rating estatal, outórgalle a mesma nota: BBB+
Sede de Standard & Poor's en Nueva York
photo_camera Sede de Standard & Poor's en Nueva York

A axencia Standard & Poor's anunciou este venres que mantén a cualificación de débeda a longo prazo de Galicia en BBB+, o mesmo nivel que outorga á española. Nun comunicado, a clasificadora de riscos especifica que as perspectivas da economía son de crecemento, polo que melloraría a súa nota se tamén aumenta o rating do conxunto do Estado. Pero só nese suposto, porque non é posible que unha comunidade supere a cualificación do país, aínda que a entidade destaca que a situación da rexión é mellor que a de España.

O informe de S&P Global aclara que a débeda autonómica actualmente atópase "un chanzo por baixo do perfil autónomo de crédito", que o sitúa en A- e dá por feito que non se deteriorará polo menos ata 2018. Con respecto á débeda a curto prazo, o documento mostra que "a liquidez de Galicia é adecuada", principalmente polo seu "forte acceso a liquidez externa". "Nos próximos doce meses Galicia manterá unha taxa de cobertura de entre o corenta e o oitenta por cento do seu servizo de débeda, que estimamos en 2.100 millóns de euros", continúa o documento.

S&P recorda que "Galicia non usou o Fondo de Liquidez Autonómica entre 2012 e 2014", aínda que si decidiu aplicar o de Facilidade Financeira en 2015 e 2016 "para beneficiarse das vantaxes do financiamento a baixo custo". "Esperamos que Galicia continúe avanzando no seu proceso de consolidación orzamentaria", relata a nota, que espera que a comunidade se beneficie dun incremento nas transferencias do Goberno e da recuperación da economía.

"A estabilidade política en Galicia permite tomar as decisións necesarias para continuar avanzando no seu proceso de consolidación orzamentaria", conclúe.

Comentarios