Goberno e sindicatos, condenados a entenderse?

O Goberno central quere sacar adiante a reforma das pensións, pero non a calquera prezo. Ás portas dunhas eleccións e cunhas enquisas que vaticinan unha caída do PSOE, aprobar a medida sen contar co apoio dos sindicatos suporía un novo e importante choque social coa súa base electoral. Por iso, o titular de Traballo, Valeriano Gómez, está a empregarse a fondo e afronta este luns o cuarto día de reunión con UGT e CC.OO. con máis de 20 horas de negociación --desde o venres-- ás costas. Iso si, non se alcanzou acordo algún aínda.

Pese a que ningunha das fontes quixo dar detalles sobre o tratado no encontro do domingo, a falta de entendemento parece indicar que segue a haber discrepancias sobre o atraso da idade de xubilación aos 67 anos que pretende o Executivo, e que rexeitan os representantes dos traballadores.

As organizacións sindicais ameazan con convocar unha folga xeral, que sería a segunda tras a do 29 de setembro en contra da reforma do mercado laboral. De feito, en Galicia o paro xa foi convocado polo sindicato CIG, ata o momento sen o apoio das outras dúas centrais maioritarias no país, que están á espera do resultado dos diálogos co Executivo central para decidir se se suman ou non. En calquera caso, o Goberno fixou como data límite o 28 de xaneiro para aprobar a reforma das pensións no Consello de Ministros.
 
E para deixar claros os esforzos do Goberno por alcanzar ese acordo, o sábado sentaron á mesa dous comensais cuxa asistencia non estaba anunciada: os vicepresidentes primeiro e segundo, Alfredo Pérez Rubalcaba e Elena Salgado, respectivamente, segundo diversas fontes distintas de ambas as partes. En principio, polo Goberno só asistiría o ministro de Traballo, Valeriano Gómez, e o seu equipo. Por parte dos sindicatos estarían os secretarios xerais de Comisiones, Ignacio Fernández Toxo, e de UGT, Cándido Méndez, coas súas delegacións.

Reuniranse ''as veces que faga falta''
Así as cousas, Rubalcaba anunciou xa que reunirá os sindicatos "as veces que faga falta" ata alcanzar un acordo. "Temos que facer esta reforma e recordar aos cidadáns o seu obxectivo é asegurar e garantir que quen se xubilen no 2030 ou 2040 terá a mesma garantía de cobrar a súa pensión que teñen os que se xubilan agora", dixo Rubalcaba, que engadiu que "cando un reforma unha casa debe chamar a un arquitecto e este sistema de pensións, mal que lle á pesar a algúns, é fillo político dun goberno socialista".

Rubalcaba interveu nun foro en Xixón sobre transparencia na Administración pública, nada que ver co tema, pero dedicou o seu tempo case en exclusiva a explicar e xustificar a necesidade de reformar as pensións, unha medida que se converteu no principal escollo á hora de achegar posturas cos sindicatos. Apelando á memoria, recordou unha medida similar adoptada hai xa 25 anos, cando tampouco contaron con respaldo nin político nin social. "Non tivemos a ninguén, nin sequera os máis próximos e iso convén recordalo, e daquela os que hoxe se xubilan tiñan 40 anos e eles saben que teñen a pensión garantida para sempre. Iso é o que imos facer para as persoas que teñen neste momento 40 anos; para que todos eles no 2030 poidan xubilarse coa mesma tranquilidade", afirmou o socialista.

Na súa explicación, insistiu en que resulta "evidente" que os cidadáns do Estado español "viven máis", que hai máis pensionistas e menos xente traballando e, polo tanto, "hai que recalcular" o sistema de pensións, unha cuestión que considerou "obrigada" e que, asegurou, está a facerse en toda Europa.

Comentarios