Un servizo dixital de Abanca permite ao comercio axustar a súa oferta ao perfil do cliente

'Alavuelta' ofrecerá a tendeiros e hostaleiros datos sobre a evolución do seu negocio e da competencia e unha canle de publicidade e venda online

Logotipo de Abanca. AEP
photo_camera Logotipo de Abanca. AEP

Contribuír á dixitalización do comercio de proximidade e axudarlle a ampliar o seu mercado co uso do big data, unha ferramenta de análise de datos de uso estendido para xigantes como Amazon ou Inditex, é o obxectivo de Alavuelta, o novo servizo que Abanca lanzará a mediados de xaneiro entre comerciantes e hostaleiros. Desenvolvido por expertos da entidade, o novo programa, que ofrecerá ás empresas unha serie de prestacións gratuítas e outras de pago, permitirá aos pequenos negocios coñecer mellor os hábitos dos seus clientes, tanto dos que xa o son como dos potenciais. Farao a través do procesamiento do inxente volume de información da que Abanca dispón como primeira entidade financeira de Galicia cunha cota de mercado do 40% do total do crédito e do 35% no que toca aos depósitos.

A clave de Alavuelta, que xa funciona nunha experiencia piloto en comercios de Vigo e A Coruña, radica na análise das tendencias que se desprenden das compras e pagos realizados a través dos TPV de Abanca, que a peche de 2017 alcanzaban os 40.389, e do uso dos máis de 1,5 millóns de cartóns de débito e crédito que o banco ten en circulación, "garantindo o anonimato".

Segundo explicou este martes o director de mercadotecnia e da área dixital da entidade, Jorge Mahía, esta plataforma pioneira terá tres patas. Por unha banda, co módulo Alavuelta descobre os empresarios disporán de estatísticas que, entre outros aspectos, permitiranlles coñecer como evolucionan a súa facturación e a da competencia, en que concellos teñen máis ou menos vendas e cal é o billete medio por municipio ou incluso por variables como o sexo. En base a esta información, o negocio poderá tomar decisións de mercadotecnia, lanzando ofertas e novos produtos do gusto do seu público.

Dando un paso máis, con Alavuelta atrae Abanca permitirá conectar cos clientes reais e potenciais mediante unha web a través da que enviar notificacións de ofertas e novidades. Para chegar ao público, Abanca creou unha aplicación que os consumidores poderán descargar nos seus móbiles e que permitirá recibir a información e recomendacións axustadas aos gustos persoais, en función dos locais máis frecuentados.

O terceiro alicerce é Alavuelta fideliza, coa que o propietario do negocio terá opción de ofrecer cartóns regalo ou programas de fidelización e incluso brindará unha plataforma de comercio electrónico para que os pequenos establecementos poidan vender online e os clientes constrúan os seus escaparates cos produtos que máis se axustan ao seu perfil. Segundo indicou Mahía, o servizo incluirá incluso a loxística dos envíos.

POSTA DE LONGO. O produto, que o banco presentou este martes a 40 asociacións de comerciantes e hostaleiros, incluído o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, pretende "unir ao cliente final" cos negocios do seu barrio. Así o definiu Mahía, que apuntou que Abanca aspira a exportar a plataforma fóra de Galicia. En canto ao uso de información persoal, o directivo recalcou que o cliente "terá o control dos seus datos" ao cubrir autorizacións para que poidan ser procesados.

Comentarios