domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

Sánchez comprométese en Davos coa redución do déficit e a "xustiza fiscal"

Pedro Sánchez, no seu discurso en Davos. EFE
Pedro Sánchez, no seu discurso en Davos. EFE
"Hai que crecer e redistribuír á vez", asegura o presidente do Goberno no Foro Económico Mundial

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, defendeu este mércores no Foro Económico Mundial, na cidade suíza de Davos, unha "xustiza fiscal" que mediante os impostos axude á redistribución da riqueza pero que tamén avance na "predistribución", cun funcionamento "máis xusto" dos mercados. Na súa intervención tamén quixo defender a "robustez" da economía española, e asegurou que o seu Executivo exerce o "rigor fiscal". "Estamos comprometidos coa redución da débeda e o déficit para crear confianza nos axentes económicos", sinalou.

Dúas semanas despois de conformarse o Executivo de coalición entre socialistas e Unidas Podemos, Sánchez recalcou que "non será un Goberno de brazos cruzados" nin "un mero observador". E considerou que a mellor forma de combater a extrema dereita e o "populismo da cerrazón" é "mediante a política do ben común proporcionando respostas".

Para o socialista chegou o momento de abordar unha "nova era" que se centre no crecemento "inclusivo" e na protección dos "máis vulnerables" e que "resolva o fracaso do neoliberalismo", de forma que non permita que o progreso económico se faga "a expensas dos seres humanos". "Hai que crecer e redistribuír á vez", dixo, ao tempo que subliñou que o seu Goberno aposta pola creación de emprego de calidade: "Non queremos un futuro de precariedade e pobreza laboral".

O socialista destacou entre os grandes obxectivos do seu Goberno a dixitalización da economía e a transición ecolóxica

En presenza de presidentes de grandes empresas españolas como Iberdrola, Repsol, Acciona ou Banco Santander, Sánchez insistiu en que non hai que chamarse a engano, porque "non pode haber xustiza social sen xustiza tributaria fiscal". Pero tamén advertiu de que "non abonda con redistribuír a renda" mediante os impostos e hai que "avanzar na predistribución", de forma que os mercados "funcionen de forma máis xusta". Falou tamén da necesidade dun salario mínimo que garanta aos cidadáns quedar fóra da pobreza.

O presidente do Goberno volveu recordar os grandes obxectivos do seu novo Executivo, entre os que destacou a dixitalización da economía e a transición ecolóxica, neste foro no que está acompañado das dúas vicepresidentas responsables desas áreas, Nadia Calviño e Teresa Ribera.

Sobre a dixitalización, subliñou que os seus instrumentos non son só "meros elos", senón "auténticas pancas" económicas, e apostou por investir en formación profesional e educación neste ámbito.

Doutra banda, Sánchez volveu alertar da urxencia climática, un "desastre que non coñece fronteiras", e advertiu de que esta será "a última xeración capaz de abordalo con eficiencia".

"Tranquilidade" de bancos e fondos
Os responsables de bancos e fondos de investimento que se reuniron en Davos co presidente do Goberno español subliñaron este mércores a súa "tranquilidade" tras a formación do novo Executivo de coalición. Participaron na cita unha decena de grupos internacionais, entre eles Bank of America, Citigroup e Morgan Stanley, pero tamén grandes investidores como a xestora do magnate George Soros, BC Partners, Salesforce, a Cámara de Comercio de EE UU en España, a aseguradora Zúric, a consultora McKinsey ou Dow Corporate.

Sánchez comprométese en Davos coa redución do déficit e a "xustiza...
comentarios