Rosell avoga por un ''pacto social'' cara ao contrato único

O presidente da CEOE, Juan Rosell, avogou hoxe por un "pacto de sociedade" que permita que en trinta ou corenta anos todos os contratos sexan iguais en España, e quizá a nivel europeo, cunha única modalidade que aínda que non teña todas as vantaxes dos indefinidos tampouco sexa como os temporais.

Trátase, segundo expuxo durante a súa participación no foro económico organizado polo diario El Norte de Castilla, de que os pais que teñen contratos indefinidos de máis de trinta anos rebaixen os seus dereitos para que melloren as condicións dos seus fillos con contrato temporal.

O presidente da patronal española inclúe nunha reivindicación histórica dos empresarios ao apostar pola figura do contrato indefinido único, cunha indemnización por despedimento máis baixa da que teñen os fixos actualmente, "para todo o mundo, pero que cando teñas que despedir poidas despedir".

"Desgraciadamente", o que "leva" en Europa é "moito contrato temporal, por horas e parcial", observou Rosell, quen recordou que a contratación parcial supón o 15 por cento en España, fronte ao 27 por cento de Alemaña ou o 50 por cento de Holanda.

"Non hai ningún empresario que queira despedir", sostivo o presidente da CEOE, para quen hai que seguir facendo "todas as reformas laborais necesarias para que a lexislación" responda á realidade empresarial de todos os días.

Comentarios