O consorcio americano Ritz-Carlton chegou a un principio de acordo con Pemex e Albacora para a cesión dos seus dereitos políticos en Barreras, o que, de chegar a cristalizar, permitiríalle ter o control do estaleiro, pois estes dous accionistas suman o 75% dos títulos do estaleiro.
Fontes coñecedoras da negociación detallaron a Efe que ao garantirse o control, Ritz Carlton asumiría o sobrecusto na construción do primeiro dos dous mini cruceiros de luxo que ten pactados con Barreras, paralizada desde que o estaleiro entrou en preconcurso de acredores.
Ademais, achegaría a inxección económica necesaria para restablecer o equilibrio patrimonial e escorrentar a ameaza da disolución do estaleiro.
De confirmarse este principio de acordo entre Ritz Carlton, Pemex e Albacora resolveuse a crise de gobernanza desatada tras a destitución do expresidente do estaleiro, José García Costas, propietario do 22,3% das accións a través das sociedades Baliño e Electromecánica naval e industrial.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, foi o primeiro en realizar unha valoración política deste preacordo, que implica a "recapitalización" de Barreras e que "evitaría o escenario de liquidación" do estaleiro.
Caballero fala nun comunicado de avances "nas negociacións que conducen a un principio de acordo entre as partes implicadas" e que podería evitar "o peor escenario", e invita a seguir "traballando con responsabilidade" para que neste proceso non haxa erros nin retrocesos".