A renda por habitante en Lugo non é nin a metade da de Pozuelo

Sitúase en 11.500 euros anuais, a novena máis alta entre as 22 maiores cidades galegas

Vista aérea de Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Vista aérea de Lugo. XESÚS PONTE

Factores como a abundancia e calidade do emprego, os salarios e, en xeral, a situación financeira dos veciños fan que a renda por habitante da cidade máis rica e a máis pobre de España diste en 19.704 euros ao ano, bastante máis do que cobra un mileurista ao cabo de doce meses. O primeiro posto nese ranking revalídao Pozuelo de Alarcón, o concello madrileño onde residen varios futbolistas, empresarios de diñeiro e políticos. Iso explica que a súa renda per cápita —25.956,7 euros anuais— diste tanto da de calquera cidade galega. Supera en máis do dobre, por exemplo, a de Lugo e as súas 11.477,7 euros. Iso si, a urbe da muralla está lonxe do nivel da menos podente do país, posto no que repite Níjar, en Almería. 

RecortesEste mapa de extremos en canto a renda é posible debuxalo a partir dos datos de indicadores urbanos correspondentes a 2016 publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estadística (Ine), que permiten establecer comparativas entre as 405 cidades con máis de 20.000 habitantes.

Entre elas cóntanse 20 galegas e non hai sorpresas co nome da máis rica: Oleiros, que con 15.333 euros por habitante ocupa o posto 20 a nivel estatal, xusto por detrás de Barcelona. Ten moito que ver que entre os seus máis de 35.000 habitantes figuren Sandra Ortega, a filla do fundador de Inditex e dona dunha das maiores fortunas de España; o presidente desa multinacional téxtil, Pablo Illa, ou empresarios como o fundador de Fadesa, Manuel Jove. 

A urbe da muralla cóase entre as 15 localidades españolas coa taxa de paro máis baixa

De volta á clasificación autonómica, unha urbe industrial como A Coruña se sitúa como segunda, con 13.273,5 euros, e completa o podio a capital galega, Santiago (13.138). Para atopar a Lugo hai que baixar ao posto número nove, pois están por diante Ferrol, Ourense, Vigo, Pontevedra e Culleredo, pola súa localización na periferia da Coruña. 

DESEMPREGO. Máis aló da renda, a estatística do Ine ofrece datos relativos ao nivel de desemprego e, nese plano, Lugo cóase entre as quince cidades coa taxa de paro máis baixa de España, cun 10,8%. Un cociente que se triplica na localidade peor parada neste sentido: Linares, na provincia de Jaén, onde o 32,8% da poboación activa está sen traballo. 

Se o que se analiza é a taxa de actividade, que reflicte a porcentaxe de persoas que teñen emprego ou o buscan sobre o total das que están en idade e disposición de traballar, destacan por tela baixa as cidades galegas de Ferrol e Ourense, con pouco máis do 51%.

Comentarios