A rede de carga de eléctricos debe multiplicarse por 49

Un estudo apunta que Galicia canta con só 330 enchufes públicos
Recargas
photo_camera Galicia precisa chegar a 2030 cunha rede de 16.426 puntos de recarga. FACONAUTO

A Asociación española de fabricantes de automóbiles e camións (Anfac) e a patronal de concesionarios (Faconauto) avisa a Galicia de que precisa chegar a 2030 cunha rede de 16.426 puntos de recarga para o coche eléctrico. O esforzo non é menor, pois actualmente a comunidade conta cuns 330 puntos de acceso público nos que enchufar un vehículo.

As dúas organizacións presentaron o mércores a súa proposta por comunidades co fin de contribuír a impulsar a venda de eléctricos de batería e coches híbridos enchufables para alcanzar un parque de cinco millóns de turismos en España en 2030, seguindo os obxectivos que o Goberno marcou no Plan Nacional Integrado de enerxía e Clima, o Pniec.

A folla de ruta das dúas patronais monitoriza o desenvolvemento da infraestrutura de recarga tendo en conta os principais corredores por nivel de intensidade media de transporte. No caso de Galicia, como primeiro fito, chama a alcanzar os 3.155 enchufes públicos en 2023, dos cales 406 deberían estar operativos na provincia de Lugo. A rede máis extensa correspondería á Coruña, onde o estudo recomenda contar con 1.318 dispositivos. Por detrás situaríanse Pontevedra, con 1.090, e Ourense, con 341.

Nun escenario no que a electrificación do transporte contará con fondos europeos, Faconauto pauta que en 2025 a comunidade debería alcanzar as 5.114 infraestruturas de recarga, como paso intermedio para chegar ás 16.426 cinco anos despois. Chegado 2030, Galicia contaría así co 4,8% da cobertura estatal, integrada por 339.998 dispositivos. O peso da rede galega estaría en liña coa achega actual da comunidade ao PIB estatal.

Nun escenario no que a electrificación do transporte contará con fondos europeos, Faconauto pauta que en 2025 a comunidade debería alcanzar as 5.114 infraestruturas de recarga

O esquema trazado por Anfac e Faconauto toma en consideración a previsión de cota de parque de vehículos electrificados en cada provincia nesta década, así como a cota de poboación motorizable para logo aplicar unha distribución por provincia en base a tres cocientes. Trátase de contar cun punto de carga de máis de 50 quilowatts (kW) por cada 100 vehículos eléctricos puros, un de máis de 150 kW por cada milleiro de coches deste tipo e outro de máis de 250 kW por cada 1.000 turismos e comerciais lixeiros a batería. O estudo compleméntase con infraestrutura de alta potencia por encima dos 250 kW nos principais corredores da rede viaria do Estado. Como mínimo, os autores do mapa fixaron unha repartición dun mínimo dun punto por cada 150 quilómetros de vía, entre outras variables.

Ante uns datos que certifican que España avanza atrasada —pois a pesar de contar co 12% do territorio europeo só ten o 3% da rede de recarga—, fabricantes e concesionarios chaman ao Goberno a fixar unha folla de ruta con obxectivos "vinculantes".

AUMENTAR AS VENDAS. Faconauto e Anfac tamén chaman a impulsar a compra de vehículos eléctricos para alcanzar os obxectivos de descarbonización. Ven necesario "multiplicar por oito" as vendas e que, por esta vía, este tipo de coches alcance unha cota de mercado do 40%.

5,5% é o peso que, ata xullo, alcanzaron as vendas de eléctricos en Galicia sobre o total de operacións. Os galegos adquiriron 810 vehículos deste tipo desde xaneiro.

Comentarios