Pymar denega o aval a Vulcano por ''falta de seguridade xurídica''

A comisión executiva de Pequenos e Medianos Estaleiros Sociedade de Reconversión (Pymar) decidiu non conceder o aval solicitado polo estaleiro Factorías Vulcano para terminar o buque sísmico 533 por considerar que a operación ''non ofrece seguridade xurídica''. Pymar atribuíu esta circunstancia á situación preconcursal da empresa viguesa e ao "alto risco" de derivación de responsabilidade "aos garantes desta operación". Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a pesar de que o organismo está integrado na súa maioría polo sector privado, culpou ao Goberno de ''abandonar'' a Vulcano.

Pymar indicou que 9 dos 10 integrantes da súa comisión executiva reunidos a petición da Xunta e do estaleiro votaron en contra de conceder o aval a Vulcano. A comisión tomou esta decisión tras analizar o "novo esquema da operación de afianzamento do financiamento" por importe de 21 millóns de euros para a terminación do buque 533, que xa fora denegada anteriormente, na comisión do 6 de outubro.

A sociedade engadiu que, para adoptar esta medida, tivo en conta informes xurídicos "elaborados por avogados de recoñecido prestixio", incluído o solicitado polo propio estaleiro, que "non contempla determinados riscos que leva a operación". Así, Pymar considera que destes informes despréndese que, de achegar o afianzamento a Vulcano, "non existiría protección contra embargos", ademais de poder derivar o xuíz sobre a sociedade, como garante da operación, "unha parte da responsabilidade xurídica no caso da presentación de concurso de acredores".

No entanto, Pymar reiterou a súa "plena disposición" a estudar "e someter de novo" a operación á comisión executiva "sempre que se dean condicións de seguridade xurídica necesarias para o bo fin da operación".

A Xunta responsabiliza ao Goberno central
A consellería de Economía e Industria criticou o "abandono" de Vulcano por parte do Goberno central e de Pymar, tras a decisión adoptada polo organismo. O departamento que dirixe Javier Guerra subliña que tanto o Executivo central como Pymar "non tiveron en conta" na súa decisión o obxectivo de "reactivar" o estaleiro vigués e o mantemento dos postos de traballo.

Recorda a Xunta que a administración galega "foi a única" que votou a favor de apoiar a operación de financiamento para a reactivación de Vulcano. A iso engade que este abandono de Pymar e do ministerio de Industria prodúcese "días despois de que" a Consellería de Industria fixese pública a firma e compromiso de achega de 16,7 millóns de euros para financiar a conclusión do sísmico 533.

Así mesmo, a Consellería de Economía e Industria manifesta o seu "compromiso irrevogable" de avalar con esta cantidade a operación e dixo estar disposta a "formalizar" os documentos necesarios para facela efectiva "o máis axiña posible". A modo de conclusión, a Xunta móstrase disposta a seguir "estudando fórmulas" para reactivar Factorías Vulcano e ve "fundamental para o futuro" do estaleiro "posibilitar a conclusión do buque 533" para entregalo a un armador noruegués, un "primeiro paso", sinala o Executivo autonómico "para garantir o seu futuro".

A comisión executiva de Pymar está integrada por 10 membros do consello de Administración: cinco estaleiros membros das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco; dous representantes da Administración do Estado, dous representantes das comunidades autónomas e un representante de Pymar.

Comentarios