A dirección de PSA Vigo ofrece baixas incentivadas con opción de reingreso

Entre o Ere extintivo e os dous temporais os axustes da planta viguesa poderían afectar a máis de 1.000 traballadores

A dirección da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo ofreceu este mércores aos sindicatos a posibilidade de que traballadores de menos de 50 anos se acollan voluntariamente ao expediente de regulación de emprego (Ere) para 400 efectivos entre abril de 2016 e marzo de 2018  coa posibilidade de reincorporarse á empresa a partir dos dous anos e medio seguintes a súa saída. Foi unha das principais novidades da segunda reunión da mesa negociadora da que deberán saír as medidas de eficiencia que permitirán á fábrica de Balaídos optar á adxudicación de novos modelos. 

A dirección explicou aos representantes do persoal que quen escolla esta opción percibirá unha anualidade de salario e poderá solicitar o seu reingreso ante eventuais procesos de incorporación de persoal que xurdan por un aumento da actividade a partir dos 30 meses. Iso si, terán prioridade neste proceso pero non o seu posto reservado.

Outra posibilidade que baralla a planta viguesa de PSA é ofrecer baixas voluntarias para menores de 50 anos que queiran romper o seu contrato definitivamente. Neste caso proponlles unha indemnización dunha anualidade de salario bruto por cada once de antigüidade na fábrica.

Con esas dúas medidas preténdese ampliar o nímero potencial dos posibles interesados en sumarse ao Ere voluntario, pensado inicialmente para os traballadores máis veteranos. Con todo,  o feito de que na factoría haxa só 177 traballadores maiores de 59 anos, cando o número de saídas que se busca é de 400, levou á dirección da planta a buscar estas alternativas. Segundo a proposta que este mércores trasladou  ás centrais, quen teña 59 anos percibiría tres anualidades de salario bruto ata cumprir os 64 e esa cantidade iría decrecendo conforme maior sexa a súa idade, de modo que aos 60 percibirían dúas anualidades e media, dúas aos 61, unha aos 62, 0,66 aos 63 e 0,50 aos 64.

Á marxe do Ere extintivo, a empresa brinda a posibilidade de que os traballadores poidan trasladarse voluntariamente a outros centros do grupo onde existan vacantes.

A próxima reunión da mesa negociadora celebrarase o venres e nela a dirección podería concretar as medidas de flexibilidade para afrontar grandes volumes de produción. Na primeira, celebrada o luns, a dirección puxo tamén sobre a mesa senllos expedientes de regulación de emprego temporais e suspensivos, un de 20 días para ao redor de medio milleiro de traballadores con menos días en negativo na bolsa de horas, e outro que afectaría a 158 membros do persoal non ligado á fabricación, de modo que o impacto global das medidas de axuste chegaría a máis de 1.000 persoas en dous anos.

Os sindicatos reclaman á dirección "un esforzo maior en canto aos incentivos económicos", así como que o colectivo de veteranos poida "na súa totalidade, se así o desexasen, acollerse ao plan de baixas dentro deste ano". Aseguran que non ven "ningún síntoma alarmante" nas medidas propostas.

Comentarios