PSA Vigo saca adiante o convenio para os próximos catro anos con apoio de SIT

Tanto CC OO como a CIG rexeitaron a folla de ruta, que contempla un incremento salarial medio do 3,18%
Centro de PSA, en Vigo.AEP
photo_camera Centro de PSA, en Vigo.AEP

A dirección de PSA en Vigo aprobou este luns o convenio colectivo para os próximos catro anos co único apoio do Sindicato Independente de Traballadores (SIT), a central maioritaria ao representar ao 63% do persoal. Tanto CC OO como a CIG rexeitaron a folla de ruta, que contempla un incremento salarial medio do 3,18% na parte fixa da nómina, ao ver o seu contido "insuficiente".  O documento tampouco convence a UXT e a CUT, aínda que este luns non confirmaron a súa postura.

A secretaria xeral do SIT, Ana María Reigosa, afirmou que o convenio "achegará melloras económicas e sociais". Tamén destacou o plan industrial, que inclúe a produción de eléctricos e híbridos. Este ano, a mellora salarial concretarase nunha alza equivalente ao IPC de 2019 (+0,8%), máis un plus de 190 euros anuais, ademais doutros incrementos e actualizacións. En canto á prima variable, que non estaría suxeita a obxectivos, o 30% será lineal e o resto dependerá do soldo do traballador.

En materia de contratación, prevese crear 350 empregos fixos, 350 novaciones de tempo parcial a xornada completa e 350 retiradas de cláusula de variabilidade.

ERE EN ZARAGOZA. Entre tanto, en Figueruelas, o grupo propuxo este luns un expediente de regulación de emprego para os 461 traballadores nacidos en 1959, isto é, que cumpren este ano os 61. Os sindicatos piden contratos relevo.

Comentarios