PP e BNG, contra a nova tarifa eléctrica: un "machadazo fiscal" e unha "inxustiza" para as familias

Caballero defende que o Goberno traballa para que o prezo da luz "sexa razoable"
Bombillas. EP
photo_camera Lámpadas. EP

A viceportavoz do PP no Parlamento de Galicia Paula Prado cargou este luns contra a nova tarifa eléctrica que entrará en vigor este martes, 1 de xuño, por ser "un machadazo fiscal" que afectará a "as familias máis necesitadas". 

Nunha rolda de prensa tras a reunión semanal do Grupo Popular, recordou que a Xunta xa anunciou que presentaría alegacións a esta nova factura que "incrementa aos fogares" o prezo enerxético ao redor de "66 euros máis ao ano". 

"Este machadazo fiscal do Goberno de España ás economías das clases medias e baixas, disfrazado de 'imos subir impostos aos ricos', a verdade é que está a afectar ás familias máis humildes", lamentou. 

Na mesma liña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reprochou este luns o novo sistema de facturación da electricidade ao entender que supón un "desacerto e unha inxustiza" xae prexudicará ás familias e ás pequenas empresas mentres "gañan as eléctricas".

Para a líder de BNG, a nova tarifa supón "unha das subidas máis importantes dos últimos tempos" e "unha pedra no camiño" para moitas familias que, se queren pagar menos pola factura da luz deberán cambiar os seus hábitos e "pór a lavadora, o forno ou o lavalouzas neses tramos que son máis baratos", entre as 12 horas e as 8 horas.

"Se me permitides a ironía é súper súper compatible coa conciliación e co descanso" porque o que "tes que facer para pagar menos é non durmir", lamentou.

Estas decisións fan preguntarse, na súa opinión, "quen goberna no Estado, se o Consello de Ministros ou o consello de administración das eléctricas que obteñen beneficios" con estas subidas.

Ademais, a líder nacionalista considera que tanto o PSOE como o PP permiten esta situación porque a pesar de que se trata dunha decisión estatal, tampouco o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "moveu un dedo para evitalo", co que se demostra que "as portas xiratorias do lobby eléctrico benefician tanto ao PP como ao PSOE", afirmou.

Así as cousas, ante este "disparate", Pontón urxiu unha "intervención pública do sector" e, no caso de Galicia, crear unha empresa pública de enerxía e implementar unha tarifa eléctrica galega como "compensación" ao feito de ser unha comunidade excedentaria en enerxía cos custos ambientais que iso supón.

Tamén reclamou rebaixar o Iva da electricidade ao 4 por cento, ao considerar que a luz non pode ser considerada nin un negocio nin artigo de luxo senón que debe entenderse e gravarse como "un ben público", remarcou. 
 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou que o Goberno de España traballa para que o prezo da luz "sexa razoable" fronte a un Partido Popular que "errou radicalmente" en todas as políticas que teñen que ver coa electricidade e coas enerxías. 

"O Goberno do PP traballou nun escenario de reducir a aposta polas enerxías", censurou. 

Respecto diso, Gonzalo Caballero sostivo que, tras un Partido Popular que "deixou sen facer os deberes que había que facer", agora avánzase cara a un novo tempo" no que é necesario un "mix enerxético" que permita "incorporar enerxías renovables e, ademais, manter uns prezos da luz que sexan razoables". 

Segundo indicou, ese é "o compromiso" que ten o Partido Socialista e "é a liña" na que traballa. Así, sinalou que o Goberno levará esta semana un anteproxecto ao Consello de Ministros que é "moi substancial" e que implica un cambio á hora de establecer límites aos beneficios das grandes centrais nucleares e hidroeléctricas. 

"Estase pondo coto aos beneficios extraordinarios das grandes empresas para buscar un mix enerxético que nos permita ter prezos da electricidade adecuados e competitivos", afirmou antes de volver lamentar que o Partido Popular "non fixese política enerxética coas renovables cando gobernaba" e que o Bloque Nacionalista Galego "non teña ningunha alternativa enerxética". 

"O que fai é expor sempre o mesmo desde os anos 70, que é pór enerxía galega. En definitiva, demagoxia e populismo", argumentou en referencia á proposta dos nacionalistas galegos de pór en marcha unha tarifa eléctrica galega. 
 

Comentarios