Galicia segue tendo as segundas pensións máis baixas malia elevarse un 4% nun ano

A prestación contributiva media sitúase en agosto en 842,08 euros na comunidade â?? En España supera os 992 euros
Manifestación por unas pensiones dignas en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Manifestación por unhas pensións dignas en Lugo. XESÚS PONTE

A pensión media subiu en Galicia un 4% en agosto en relación co mesmo mes do ano pasado, de modo que alcanzou os 842,08 euros, segundo os datos publicados este martes polo Instituto Nacional da Seguridade Social. Aínda co repunte, a cifra segue moi lonxe da estatal, que se situou en 992,35 euros cunha alza dun 3,7% en relación a hai un ano. A media galega supera unicamente a doutra comunidade, os 826,4 euros de Estremadura.

O número total de pensións que se abonan en Galicia situouse a 1 de agosto en 765.807, o que representa un incremento dun 0,5% con respecto a agosto de 2018. Por tipo, 478.721 son de xubilación —cun importe medio de 956,57 euros—; 186.791 de viuvez (600,94 euros); 69.947 por incapacidade permanente (882,34 euros); 23.771 de orfandade (399,25 euros), e 6.577 de favor de familiares (516,06 euros).

Por provincias, a pensión contributiva media é de 886,29 euros na Coruña, 882,64 en Pontevedra, 749,22 en Lugo e 729,06 euros en Ourense. 

En España, o conxunto do sistema alcanzou os 9,75 millóns de pensións contributivas, un 1,23% máis que hai un ano, 6.048.718 de xubilación. Así as cousas, a Seguridade Social destinou este agosto a cifra histórica de 9.681,5 millóns de euros ao pago desas prestacións, un 5% máis que no mesmo mes de 2018.

Comentarios