Os particulares salvan en xuño o negocio dos concesionarios en Galicia

Compraron 120 coches novos ao día o mes pasado, un 7% máis mentres se reduciu a demanda das empresas 

Feria del automóvil de ocasión
photo_camera Feira do automóbil de ocasión de Lugo. XESÚS PONTE

A chegada das vacacións de verán adoita animar a máis familias a tomar a decisión de cambiar o coche e iso foi o que o mes pasado axudou a salvar os mobles aos concesionarios galegos ante un descenso na demanda por parte das empresas. Os particulares, protagonistas do 75% das matriculacións en xuño, adquiriron 3.115 vehículos, o que supón un 7,1% máis que no mesmo período do 2017 a pesar de haber un día laborable menos. Os datos ofrecidos o pasado luns polas patronais de fabricantes e vendedores Anfac, Ganvam e Faconauto indican que a demanda creceu nas catro provincias, sobre todo en Lugo coas súas 352 operacións, un 9% máis. 

Ese tirón contrarrestou o descenso das vendas entre empresas para renovar e ampliar as súas flotas, pois as 1.023 transaccións que selaron supoñen un 16% menos na comparativa anual. No conxunto de España, en cambio, esta canle empuxou o mercado en xuño, mentres a demanda das familias perdeu fol e avanzou un lixeiro 1,6% nunha época tradicionalmente boa para as vendas.

De volta a Galicia, a cifra total de matriculacións sumou 4.142 vehículos, un 2,9% máis. Os concesionarios seguen as campañas de promoción e quedándose con moitos automóbiles para cumprir os obxectivos que lles fixan as marcas.

Comentarios