Opinión dividida entre os economistas galegos sobre o impacto do novo Goberno

O 54% dos colexiados consultados cre que terá consecuencias negativas no crecemento económico
Presentación del barómetro del Consello Galego de Economistas. XESÚS PONTE
photo_camera Presentación do barómetro do Consello Galego de Economistas. XESÚS PONTE

Os economistas galegos teñen unha opinión dividida sobre como afectará a formación do novo Goberno de coalición ao crecemento económico. O 54% de enquisados cre que carrexará un efecto negativo, o 26% pensa que será positivo e o 19% considera que non afectará de ningún xeito. Os resultados están recollidos no Barómetro de Economía correspondente ao segundo semestre de 2019 realizado polo Consello Galego de Economistas con entrevistas a 348 dos 4.825 que están colexiados das catro provincias.

O estudo presentouse este mércores en Lugo, nun acto ao que asistiron a súa directora, María Jesús Freire —profesora titular do departamento de Análise Económica da Universidade da Coruña—, e o director da publicación, Venancio Salcines, acompañados polo presidente do Consello Galego de Economistas, Miguel Vázquez Taín, e o decano do de Lugo, Salustiano Velo.

Por provincias, o 35% dos entrevistados na Coruña cren que o novo Goberno terá efectos positivos, en Lugo son o 26% e en Pontevedra o 20%. Mentres, o 67% dos economistas participantes na sondaxe en Ourense consideran que aparecerán efectos negativos ou moi negativos respecto ao crecemento económico, unha porcentaxe que en Lugo é do 54,8%.

As opinións tamén varían segundo a situación laboral dos economistas. Para o 58% dos empresarios e traballadores o novo Executivo repercutirá negativamente, unha porcentaxe que aumenta ao 64% no caso dos funcionarios. Pola contra, o 40% dos xubilados valoran os efectos positivos.

Os consultados móstranse máis optimistas con respecto á evolución da economía galega que a de España en xeral

En calquera caso, os consultados móstranse máis optimistas con respecto á evolución da economía galega que a de España en xeral, aínda que, segundo apunta Freire, "teñen unhas expectativas de futuro peores que no presente". 

POLÍTICA ENERXÉTICA. Os enquisados tamén foron preguntados pola súa opinión sobre a política enerxética do novo Goberno en relación á industria electrointensiva. Nese sentido, o 49% dos economistas cre que as medidas nesta materia serán negativas, o 18% positivas e o 26% pensa que non influirá. 

Son sobre todo os economistas de Lugo (63%) os que auguran consecuencias negativas ás políticas sobre a industria electrointensiva. Mentres, en Pontevedra opinan así o 39%. 

En canto aos factores que afectan á competitividade das compañías, os consultados apuntan que os máis influentes serían: o I+D+i, a formación, o prezo da enerxía, o nivel de consumo, o acceso ao financiamento e a presión fiscal. 

Comentarios