Novagalicia avantaxa ao sector en cobertura de créditos refinanciados

Novagalicia Banco destacou hoxe que conta coa maior cobertura do sector en créditos refinanciados, que alcanza o 30,8 %, dez puntos máis que a media.

Por medio dun comunicado, a entidade informa de que ten cubertos os seus créditos refinanciados ata este ano, grazas ao "elevado exercicio de saneamento realizado nos dous últimos exercicios".

O banco, con sede en Galicia, destaca que cumpre os requisitos solicitados polo Banco de España (BdeE), con datos a 31 de marzo e presentados ao supervisor español a finais de setembro.

Así, NCG Banco ten cubertos especificamente o 30,8 % do risco constituído na súa carteira de créditos refinanciados e reestruturados.

A entidade galega informou ao Banco de España do cumprimento da norma de clasificación contable e de cobertura das carteiras refinanciadas ou reestruturadas.

Tal e como requiriu o BdeE, NCG Banco realizou en setembro unha análise individualizada de todos os créditos ligados a refinanciamentos.

NCG Banco tamén revisou os préstamos renegociados con empresas (na súa gran maioría con pemes e autónomos) e con particulares (hipotecas) e constatou que a súa clasificación contable "axústase ás especificaciones establecidas pola regulación do Banco de España para esta carteira de créditos".

O banco afirma que segue aplicando de forma "rigorosa" estes criterios de clasificación contable.

O saldo de refinanciamentos e reestruturacións sumaba ao peche do primeiro semestre 8.027 millóns de euros, cunha taxa de cobertura do 30,8 %, a máis elevada entre os principais bancos españois.

O banco con sede en Galicia afirma que é tamén a entidade que ten un maior volume de refinanciamentos clasificados como dubidosas (con máis de 90 días de falta de pagamento) ou subestándar (préstamos con risco de entrar en mora), un 91,7 % fronte ao 65,9 % de media declarado polo sector a xuño deste ano.

Nove de cada dez euros refinanciados por NCG Banco están clasificados como dubidoso ou subestándar.

NCG Banco subliña que destinou nos oito primeiros meses do ano 362 millóns de euros a operacións de refinanciamento e reestruturación de débeda con pemes e autónomos afectados pola actual conxuntura económica.

A entidade tamén achegou nos últimos vinte meses 1.200 millóns de euros para renegociar as condicións de préstamos hipotecarios con 9.000 familias en dificultades económicas para axustalas á súa capacidade actual de pago, evitando este tipo de execucións hipotecarias e desafiuzamentos en primeiras vivendas.

Comentarios