Navalia abre a súa sétima edición, na que o naval dá por superada a súa recuperación

Conta coa participación de 600 empresas e 400 expositores procedentes de 90 países

Inauguración de Navalia. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Inauguración de Navalia. SALVADOR SAS (EFE)

A Feira Internacional da Industria Naval de Vigo, Navalia 2018, inaugurou este martes a súa sétima edición, na que o sector dá por resolta a súa recuperación e encara a súa consolidación. Un evento que os organizadores esperan que estea "cargado de boas noticias" e que se materialice "en máis carga de traballo para todos". 

No acto inaugural estivo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen remarcou que Navalia se inclúe entre as catro grandes feiras europeas do naval, e augurou que o evento seguirá "crecendo" e exhibindo "o músculo do naval" e o "know-how e experiencia" do sector galego. "Estamos ante a mellor edición de toda a historia desta feira", proclamou. 

Feijóo incidiu en que, xa na edición do ano 2016, a feira aumentou un 30% os seus expositores e alcanzou unha cifra de negocio estimada de 4.000 millóns de euros, após o que este ano conta coa participación de 600 empresas e 400 expositores procedentes de 90 países, que "acreditan" que esta é "unha gran feira con relación directa co mar, a pesca, a industria de transformación e o transporte marítimo". 

Neste marco, comentou que, despois de superar a crise, o sector naval ten "plena capacidade" para competir "con calquera estaleiro ou centro de traballo do mundo"; coa innovación e a formación como eixos, e coa diversificación coma unha das súas bandeiras, pois en Galicia están a realizarse, entre outras construcións, iates, oceanográficos e 'jackets' de enerxía eólica. 

Acto seguido, puxo en valor o compromiso da Xunta co naval, a través do primeiro plan de formación dirixido especificamente a este sector. Trátase dunha iniciativa que conta con 12 millóns de euros para formar a 3.000 persoas —tanto desempregados como traballadores que necesitan actualizar os seus coñecementos— en 170 cursos durante os próximos dous anos. 

O presidente de Navalia, José García Costas, lembrou que esta feira xurdiu en 2006 da man "duns cuantos empresarios" que decidiron "construír unha xanela para contemplar todo o que Galicia" é capaz de facer no sector naval.  Nesta última edición, subliñou, o sector en Galicia sae "de anos moi complicados, máis cheo de sombras que de luces", polo que agora necesita "estabilidade sen sobresaltos", de forma que poida "mirar cara ao futuro con seguridade". Un obxectivo no que se mostrou convencido de que esta sétima edición, "como o 7 de Pitágoras, será un éxito". 

Comentarios