Mutua Galega ultima a súa fusión con outro grupo de ámbito estatal

As negociacións están en curso coas grandes entidades do sector e o presidente fixa a meta de blindar os postos de traballo

Asamblea de 2018 de la Mutua Gallega en A Coruña. EP
photo_camera Asemblea de 2018 da Mutua Galega na Coruña. EP

Mutua Galega negocia a súa integración nunha das maiores mutuas de España, unha operación que se pechará antes de que termine o mes, segundo avanzaron a AGN fontes coñecedoras do proceso, que indicaron que nas negociacións participan Fremap, Mutua Universal, Fraternidad Muprespa, Asepeyo, Ibermutuamur e Mutual Midat Cyclops, as seis maiores compañías do sector.

A operación enmárcase na estratexia de concentración destas asociacións sen ánimo de lucro xestionadas por empresarios que propugna a Seguridade Social ante un mapa que nos últimos anos xa experimentou unha reestruturación que reduciu a 20 os actores.

Na xunta xeral que Mutua Galega celebrou o xoves na Coruña, o seu presidente, José Fariña Varela, confirmou que a entidade "estivo sopesando nos últimos tempos a fusión con outra entidade do sector a nivel nacional", alegando que se trata dun paso "necesario para crecer e ampliar horizontes". A pesar de indicar que "non hai nada decidido", recalcou que o obxectivo seguirá sendo "que os afiliados sigan recibindo a mellor atención posible e garantir os postos e condicións de traballo de todo o persoal", uns 330 efectivos.

Tamén fixo fincapé na vontade de manter "a identidade galega". Segundo puido saber AGN, a intención sería que a mutua que absorba a sociedade galega manteña a alusión a Galicia na marca coa que opere na comunidade.

As contas presentadas o xoves ás empresas mutualistas reflicten que Mutua Galega pechou 2017 cuns ingresos que creceron un 3,9%, ata os 161 millóns. Con todo, o resultado do exercicio foi negativo, de 192.018 euros, aínda que é certo que a situación mellorou con respecto a 2016 (-767.0782 euros). Na memoria de 2017, o director xerente, Javier Flórez Arias, explica que 18 das 20 mutuas están nesta situación.

A razón é o insuficiente financiamento que lles inxecta a Seguridade Social como entidades colaboradoras para xestionar as continxencias comúns, isto é, as prestacións das incapacidades temporais e permanentes por enfermidades convencionais. Son as máis numerosas entre os traballadores e coa recuperación creceron, levando á patronal CEOE a reclamar que estas asociacións poidan dar altas nestes casos, o que actualmente corresponde aos médicos de cabeceira. Como consecuencia, as mutuas rexistraron o ano pasado un resultado negativo de 462,3 millóns no balance das continxencias comúns.

á espera do devir das negociacións, Mutua Galega acabou 2017 con 36.034 empresas cubertas, un 1,9% máis que no ano anterior, o que supón 207.355 asalariados. En canto a autónomos, suma 59.149 protexidos en continxencias comúns. En total, a súa cota de mercado en Galicia —onde ás clínicas que ten en Vigo e A Coruña sumará un novo centro en Boiro— é do 22,8%.

Comentarios