Un milleiro de fogares en Lugo cobran o ingreso mínimo, o 24% dos solicitantes

A Seguridade Social resolveu apenas a metade das peticións na provincia desde que se activou a axuda en xullo
José Luis Escrivá.JUANJO MARTÍN (Efe)
photo_camera José Luís Escrivá.JUANJO MARTÍN (EFE)

O Instituto Nacional da Seguridade Social recoñeceu o ingreso mínimo vital (IMV) a 1.042 fogares da provincia de Lugo desde a súa posta en marcha hai catro meses, o que supón que por agora cóbrana apenas unha cuarta parte dos solicitantes —concretamente o 24,2%—. Neste tempo resolvéronse algo menos da metade das solicitudes presentadas que eran válidas, pois chegaron por duplicado 278 expedientes.

Outras 1.098 familias viron denegada a súa petición por non cumprir as condicións, en moitos casos por superar o nivel de ingresos fixado.

En toda Galicia obtiveron resposta o 40% dos 40.370 fogares que presentaron unha solicitude válida. Deles, 7.210 viron recoñecida a axuda, o que implica que a cobran apenas o 18% dos que iniciaron os trámites.

O balance deuno a coñecer este venres o Ministerio de Seguridade Social e sitúa en 136.413 as familias que obtiveron unha resposta positiva ata o momento no conxunto de España, o que supón que o ingreso mínimo chega a máis de 400.000 persoas, das que practicamente a metade son menores.

A Seguridade Social leva resoltas ao redor dunha terceira parte do millón de solicitudes recibidas, aínda que hai que ter en conta que a prestación se concedeu de oficio nuns 75.000 casos. Con todo, o departamento que dirixe José Luís Escrivá asegura que, tras os cambios introducidos o mes pasado na xestión desta renda básica para axilizar todo o proceso, "o ritmo de tramitación foi en aumento".

Este mes realízase o quinto pago do IMV desde a súa posta en marcha e a nómina ascende a 158 millóns de euros. Cabe sinalar que os potenciais beneficiarios que pidan esta axuda ata finais de ano e concédanlla cobrarana con efecto retroactivo desde xuño.

PARADOS. En canto a outra axuda anunciada polo Goberno, o subsidio para parados que esgoten axudas tras o estado de alarma, os sindicatos reclamaron que se poña en marcha canto antes.

Comentarios