Mercadona elevou un 4,5% as súas compras en Galicia en 2015, ata os 1.115 millóns de euros

Ten 1.775 traballadores na comunidade, onde prevé abrir 15 supermercados ata o 2021

Os números de Mercadona en Galicia seguen crecendo, 14 anos logo do seu desembarco na comunidade. Así, as dúas aperturas de 2015 reforzaron a súa rede para chegar aos 51 supermercados ao peche do exercicio, a creación de 50 empregos elevou o seu persoal a 1.775 traballadores e a súa "aposta polo produto galego" vólvese certificar en cifras. Non en balde, as compras da cadea na comunidade creceron un 4,5% o ano pasado, ata chegar aos 1.115 millóns de euros.

A cifra, contida no balance de 2015 divulgado este xoves polo grupo que preside Juan Roig, dá continuidade ao avance dos anteriores exercicios, ata reflectir un incremento dun 34,5% nun lustro. O resultado é que, por exemplo, o ano pasado comprou 7.900 toneladas de peixe a Riveira Peixe Fresco e máis de 8.900 de carne de coello a Cunicarn, con planta en Celanova.

Estes son dous dos seus oito fabricantes interproveedores na comunidade, que, en total, realizaron investimentos por 23,4 millóns de euros só nun ano. Aí están computados os 7,6 millóns destinados por Escurís ás súas plantas galegas e os 6,9 inxectados por Queserías Entrepinares nas súas instalacións de Vilalba, onde fabrica varios tipos de queixos en exclusiva para todas as tendas de Mercadona en España.

Eses oito fabricantes, que crearon 141 empregos o ano pasado –ata chegar aos 2.285–, son parte do que a cadea chama "proxecto Mercadona", que tamén inclúe ás 1.350 pemes e produtores galegos cos que colabora, 270 máis que en 2014. En total, entre o grupo e os provedores, formaríase un persoal de 15.192 traballadores.

Desde esta posición, a compañía segue traballando na súa expansión na comunidade, con proxectos que inclúen 15 aperturas ata o 2021. Algunhas se materializarán este mesmo ano, como as dúas previstas na provincia de Pontevedra –en Redondela e Tui–. Outras están pendentes de data, caso da de Ribadeo, onde o grupo xa ten licenza de obra.

Ao mesmo tempo, Mercadona continúa coas colaboracións polas que en 2015 doou máis de 370 toneladas de produtos de primeira necesidade a diferentes institucións e entidades benéficas da comunidade.

Comentarios