Mercadona aumenta un 2,4% as compras de produtos galegos

A cadea de supermercados investiu durante a súa actividade en 2014 ata 16,5 millóns de euros

A compra de produtos galegos por parte de Mercadona aumentou un 2,4% o último ano, alcanzando un valor de 1.065 millóns de euros, e de ata un 65% durante os últimos cinco anos. Nun comunicado, Mercadona afirma que o ano pasado chegou a acordos con 1.080 pemes galegas ou con produción en Galicia, ata alcanzar a cifra de 13.750 traballadores no proxecto Mercadona+IP's+Pemes.

O grupo de Juan Roig creou 475 novos postos de traballo en Galicia nos últimos cinco anos, en pleno período de crise económica, co que o persoal da compañía nesta comunidade ascende a 1.725 persoas. Durante o pasado exercicio, a compañía abriu tres novas tendas en Galicia, en Nigrán, Cee e Vigo. Así mesmo, en 2015 continuará coa súa expansión na comunidade ao abrir un novo centro en Vigo, que se converterá na súa quinta tenda nesta cidade.

En canto ás súas políticas sociais, durante o pasado exercicio Mercadona doou máis de 350 toneladas de produtos de primeira necesidade a diferentes entidades benéficas galegas. A empresa colabora desde 2013 con catro comedores sociais galegos e en 2015 ampliou esta acción solidaria a dous comedores máis.

Comentarios