Luis de Guindos di que un Goberno con Podemos xerará "incerteza"

O ministro de Economía en funcións móstrase partidario dun acordo do PP con PSOE e Cidadáns

O ministro de Economía e Competitividade en funcións, Luis de Guindos, mostrouse partidario de formar un Goberno de coalición entre o Partido Popular, o Partido Socialista e Cidadáns. "Sería un Goberno cunha enorme estabilidade. Para uns obxectivos determinados é unha posibilidade que non se debería descartar", sinalou Guindos en declaracións á Cadea Ser recollidas por Europa Press.

Segundo Guindos, chegar a un Goberno de coalición deste tipo non sería sinxelo pola falta de tradición deste tipo de Executivos en España, pero é unha posición "que se debe explorar" e que é moi común noutros países de Europa. Ao seu parecer, as tres formacións coinciden en asuntos tan importantes para España como a unidade do país, as relacións coa Unión Europea e a loita contra o xihadismo, por exemplo.

Ademais, Guindos advertiu de que a entrada no Goberno de partidos radicais -en referencia a Podemos- xeraría incerteza e falta de confianza desde o punto de vista económico, posto que as peores crises económicas "teñen unha orixe política".

Tamén dixo que é posible deixar o déficit por baixo do 3% en 2016, mostrouse optimista sobre o futuro de Abengoa unha vez que corrixa a súa situación e ve patético o que sucede en Cataluña, con Artur Mas prisioneiro dunha formación antisistema.

Comentarios