Lugo é a segunda provincia española que máis crece na campaña de verán

A empresa Randstad prevé que na etapa estival deste ano se alcancen as 40.000 contratacións en Galicia

Terraza en Viveiro. EP
photo_camera Terraza en Viveiro. EP

Randstad prevé que a campaña de verán deste ano alcance as 40.000 contratacións en Galicia, rexistrando unha nova marca. Lugo será a segunda provincia de España que máis crece cun 21%. Dentro do ámbito galego, a lucense é a que experimenta un maior crecemento seguida de Ourense (14,2%) e Pontevedra (12,8%). Pola súa banda, A Coruña é a provincia que rexistra un menor aumento (6%) na comunidade.

Durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, a empresa de recursos humanos espera que se asinen 40.945 contratos en Galicia nos sectores de comercio, hostalaría, transporte e entretemento, o que supón un aumento do 11,2% respecto ao ano anterior e un 88% máis que a cifra rexistrada en 2010 (21.776).

Cando se analizan os datos da década, Randstad detecta que, tras superar os 21.000 contratos en 2010 en Galicia, esta cifra descendeu os dous anos seguintes ata rexistrar o menor dato de contratacións de toda a serie histórica en 2012 (21.741). A partir de aquí, esta cifra creceu paulatinamente ata superar en 2018 a previsión de 40.000 contratos. Durante os últimos cinco anos, a contratación na campaña de verán rexistrou incrementos por encima dos dous díxitos.

No conxunto estatal, a compañía tamén prevé que a campaña de verán deste ano marque unha nova marca de contratación, ata 619.110 contratacións, un 12% máis que o ano anterior e case o dobre (94,5% que a cifra rexistrada en 2010).

COMUNIDADES. Randstad aprecia diferenzas "importantes" en función da comunidade. Así, A Rioxa é a que máis crece, cun 16,3%. A continuación, sitúanse Baleares (15,8%), Castela e León (15,7%) e Navarra (15,1%). 
Por encima da media (12%) atópanse Euskadi (14,4%), Asturias (14,1%), Murcia (12,6%), Canarias (12,5%), Andalucía (12,5%) e Estremadura (12,3%).

No lado contrario, por baixo, están Comunitat Valenciana (11,5%), Cantabria (11,3%), Galicia (11,2%), Madrid (10,9%) e Cataluña (10,5%). As dúas únicas autonomías que rexistran aumentos inferiores aos dous díxitos son Aragón (9,3%) e Castela-A Mancha (8,4%).

En termos absolutos, Andalucía é a comunidade autónoma que rexistra máis contratacións, con 126.620. Cataluña e Comunidade Valenciana completan o podio, con 88.345 e 66.680, respectivamente, mentres que Madrid alcanza a cuarta praza con 64.660 contratos. Este catro rexións acumulan máis do 55,9% do total de incorporacións que se realizarán a nivel estatal.

TEMPORALIDADE. A contratación nesta época do ano vén motivada, principalmente, por varios sectores vinculados ao turismo. O aumento de afluencia de turistas é o principal dinamizador do mercado laboral nesta época do ano, constata Randstad.

Neste sentido, a estacionalidade deste período motiva que a contratación temporal sexa unha das opcións "máis utilizadas" polas empresas, para adaptarse ao incremento da demanda, satisfacer as necesidades dos visitantes e cubrir as vacacións dalgúns profesionais. "A campaña de verán, do mesmo xeito que a de Nadal ou Semana Santa, é un momento idóneo para aqueles profesionais que queren conseguir o seu primeiro traballo ou para aqueles que busquen reincorporarse de novo ao mercado laboral, e o traballo temporal é unha ferramenta cLave nestes casos", asegura o director de relacións institucionais da firma, Luís Pérez.

PERFÍS MÁIS REQUIRIDOS. O turismo sitúase, unha vez máis, como o principal motor de contratación durante o período estival. Outro fito que Randstad pide ter en conta nesta época é a campaña de rebaixas.

As incorporacións destes perfís comezan en xuño e alónganse durante os meses de xullo e agosto. Promotores, dependentes e postos de atención ao cliente atopan maiores oportunidades laborais no período estival.

Outro dos sectores que tiran do emprego é o da hostalaría. Durante este período, os hoteis e outros tipos de aloxamentos mostran taxas de ocupación elevadas, chegando en moitos casos ao 100% de ocupación.

Neste campo, destacan os perfís de apoio en hoteis e restauración, como camareiros, camareiras de piso, cociñeiros ou persoal de recepción, entre outros.

A eles súmanse os perfís de infraestrutura de transporte, en especial, o persoal de portos, aeroportos e estacións de transporte, onde o coñecemento de idiomas se sitúa como un elemento indispensable para acceder a un emprego. O lecer é outro dos sectores que achegan dinamismo ao mercado laboral, grazas ao impulso xerado por actividades recreativas e vinculadas ao turismo.

Comentarios