Lugo é a provincia galega con máis demandantes de emprego ocupados

En Galicia, o índice é do 11,1%, unha cifra que crece por segundo ano na comunidade

Varias personas haciendo cola ante una oficina de empleo. AEP
photo_camera Varias persoas facendo cola ante unha oficina de emprego. AEP

Lugo é a provincia galega na que máis demandantes de emprego se atopan agora ocupados, cun índice do 11,4%. En Galicia, o índice é do 11,1%, unha cifra que crece por segundo ano na comunidade, segundo destaca un estudo da empresa de recursos humanos Randstad. Se se analiza a serie histórica, este informe observa que en 2008 o peso deste colectivo de profesionais respecto do total de demandantes de emprego rexistrou a cifra máis elevada (13,6%). 

Pontevedra, co 11,4%, é a segunda que rexistra o maior índice, seguida da Coruña (10,7%) e Ourense (10,4%).

Randstad realizou unha análise sobre os demandantes de emprego que se atopan ocupados en función do seu nivel de formación, o sector no que desenvolven a súa actividade e a rexión onde residen, a partir de datos oficiais publicados polo Servizo Público de Emprego Estatal (Sepe) correspondentes aos meses de xaneiro entre 2008 e 2018.

Na comunidade galega, tras 2008, este indicador do mercado laboral encadeou leves descensos ata rexistrar a menor cifra en 2014 (10,4%) e manterse así durante tres anos. Desde entón, a taxa aumentou durante dous exercicios.

CASE 30.000 TRABALLADORES. En termos absolutos, Randstad afirma que 28.079 traballadores galegos están a buscar outro emprego a pesar de contar cun na actualidade, xa sexa para mellorar a súa situación actual ou para compatibilizalo co que xa teñen. Esta cifra decrece respecto ao ano pasado nun 4%, pero increméntase nun 2% se se compara con 2008. O dato máis elevado da última década rexistrouse en 2013, cando había 40.461 ocupados deste colectivo en Galicia.

Comentarios