Os empregados de Vidriera del Atlántico chaman á folga

Os comités de empresa e sindical dos traballadores e a Asemblea Xeral de Vidriera del Atlántico convocaron unha folga xeral "en todos os servizos e dependencias" da empresa de Xinzo da Limia para os días 13 e 14 deste mes. A protesta comezará ás 21:59 horas do día 13 e terminará ás 22:01 horas do día seguinte, informou a CIG nun comunicado.

A CIG denunciou que a empresa decidiu paralizar a pasada semana a produción nunha das tres liñas da fábrica, o que supón o 33% da produción "sen autorización administrativa e sen negociación co comité de empresa". A central sindical engadiu que a dirección de Vidriera del Atlántico modificou as categorías dos profesionais de certos colectivos de traballadores "sen previa consulta nin negociación" co comité, e despediu a dous dos seus afiliados e empregados, Rubén Rodríguez e Gonzalo López, "baixo a aparencia de extincións obxectivas individuais".

A folga da próxima semana ten como obxectivos que se estableza "unha negociación de boa fe" para solucionar o conflito da empresa de vidro; que continúe o proceso iniciado para aprobar e negociar un convenio colectivo de empresa; ou conseguir un acordo en materia de seguridade laboral. Os traballadores tamén pretenden conseguir "a prestación de garantías fiables de continuidade" da factoría e que readmitan aos dous empregados da CIG despedidos.

Conflito prolongado

O 20 de xuño os empregados de Vidriera del Atlántico xa iniciaron unha folga ao considerar que a empresa incorreu nun ''peche patronal ilegal'' ao tomar a decisión de clausurar dúas das tres liñas de produción da factoría, unha protesta que durou quince días.

O conflito entre patronal e sindicatos iniciouse en decembro de 2008, tendo o seu punto máis quente no mes de maio, cando foi necesario pedir a mediación do, por aquel entón, Delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Aquel problema comezou, segundo os empregados, pola ''represión disciplinar'' contra algúns traballadores que sufriron sinistros laborais e tras a decisión empresarial de manter ''condicións infralegales'' para gran parte dos empregados, aos que lle asignaron categorías profesionais non acordes co seu traballo.

Comentarios