Os carburantes soben con forza na última semana e marcan máximos anuais

Desde que arrincou decembro, a gasolina aumentou un 2,42% e o gasóleo, un 2,83%

Os prezos medios da gasolina 95 e o gasóleo rexistraron fortes repuntes —un 1,52% e un 1,87% respectivamente— na última semana, ata marcar máximos anuais en niveis que non se vían desde o verán do ano pasado. Segundo os datos do boletín petroleiro da Unión Europea correspondentes ao pasado luns, o litro de gasolina 95 vendíase a unha media de 1,202 euros, mentres que o gasóleo marcaba 1,089 euros.

Con esta subida, enmarcada nun repunte dos prezos do cru, a gasolina 95 está un 5,35% máis cara que ao comezo de ano, e o gasóleo, un 8,25%. Desde que arrincou decembro, a gasolina aumentou un 2,42% e o gasóleo, un 2,83%.

MULTA. A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) multou a dúas gasolineiras por incumprir a súa obrigación de remitir información sobre os prezos semanais dos carburantes e cantidades anuais vendidas. En concreto, Competencia sancionou con 2.051 euros á estación de servizo Pilas, situada no municipio de Riós (Ourense), e a unha estación de Campsa situada no municipio de Arrecife (Las Palmas de Gran Canaria), á que impuxo unha multa de 1.866 euros. A ambas as considera responsables dunha infracción grave da Lei do Sector de Hidrocarburos.

No caso da galega, a infracción débese á falta de comunicación de prezos de periodicidade semanal mínima e das cantidades anuais vendidas. Estas dúas resolucións de Competencia poden ser recorridas ante a Audiencia Nacional no prazo de dous meses.

Comentarios