As vendas de coches caen un 37% en outubro

O mercado de automóbiles de turismo descendeu en outubro por cuarto mes consecutivo. En concreto, a caída foi do 37,6%, cun total de 61.366 unidades matriculadas con respecto ao mesmo mes de 2009; un volume que, segundo a patronal de fabricantes, Anfac, "reflicte o esborralle do mercado a niveis de fai 15 anos".

As cifras acumuladas mostran un incremento do 9,4% no que vai de ano, aínda que esa taxa positiva -consecuencia dos positivos efectos que tivo sobre a demanda o Plan 2000E na primeira parte do ano- está a reducirse de forma "considerable". Ademais, a patronal chama a atención sobre o feito de que o ano anterior xa rexistrou unhas matriculacións moi baixas.

O descenso global do mercado está a traducirse nun forte retroceso da demanda das compras de particulares, principal compoñente da demanda que, nunha primeira estimación, diminuíu no mes de outubro por encima do 50%.

Tanto Anfac como a Asociación Nacional de Vendedores de Vehículos a Motor (Ganvam) manexan unha previsión de matriculación de turismos por baixo de 900.000 unidades para o ano 2011. Isto suporá que, por terceiro ano consecutivo, o mercado español situarase en niveis de principios dos anos 90. En comparación co ano 2007, as marcas con fábricas instaladas en España deixarán de vender no mercado español máis dun 1,3 millóns de turismos durante os anos 2008, 2009 e 2010, engadiron.

Recuperación do mercado

Segundo sinalaron, as consecuencias dun mercado estancado nuns niveis baixos son moi negativas tanto para o emprego das redes comerciais como das propias factorías.

Por iso, advertiron de que, "se non se recupera o mercado, España perderá atractivo para manter os niveis de produción actuais". "Un mercado forte é un factor de localización para as factorías instaladas en España. Os crecementos da economía española prevense moi limitados nos próximos anos e iso coincidirá con posibles adxudicacións de novos modelos a fábricas españolas, que non se verán favorecidas por unha contorna tan desfavorable", valoraron.

Comentarios