As rendas medias en Galicia pagarán 120 euros máis de IRPF que en Madrid en 2017

Un galego abona 149.000 euros menos que un andaluz ao herdar 800.000 euros, pero 14.900 máis que os canarios
Delegación de Hacienda de Pontevedra
photo_camera Delegación de Hacienda de Pontevedra

As diferenzas na presión fiscal que cada comunidade exerce sobre a renda dos cidadáns provocará que os galegos con rendas medias teñan que abonar ao facer a declaración de 2016 case 120 euros máis por IRPF que os madrileños, que seguen sendo os que menos pagan a Facenda. Así se desprende do informe sobre o panorama da fiscalidade autonómica en 2017 presentado este luns polo Rexistro de Economistas de Asesores Fiscais, que toma un contribuínte tipo para realizar a comparativa. No caso do tributo que grava os ingresos procedentes do traballo -a maior fonte de ingresos para as comunidades-, un solteiro sen fillos nin discapacidade con menos de 65 anos e que teña unha renda bruta anual de 30.000 euros desembolsará no IRPF 4.949,6 euros en Galicia, mentres a mesma persoa abonará en Madrid 4.829,6.

A brecha acúrtase a apenas tres euros no caso das persoas que ingresan 16.000 euros ao ano, xa que a galega é a segunda comunidade na que menos pagan os soldos baixos. No outro lado da táboa destaca Cataluña, onde o esforzo que se esixe supera en 176 euros ao da capital nas rendas baixas e en 274 no caso das medidas. Se se analiza o que ocorre coas máis altas, quen declare 600.000 euros en Galicia desembolsará 258.076,8, uns 8.500 máis que en Madrid. Neste caso son os valencianos os que soportan unha maior carga, de case 273.789 este ano.

As diferenzas son máis acusadas aínda se se analiza o imposto de Patrimonio, que os fiscalistas chaman a eliminar ao alegar que xa se achega a través do Ibi. Un galego con activos por 800.000 euros pagará 240 euros mentres os madrileños non abonan nada -sexa cal for o importe de bens- e os aragoneses encabezan o ránking con 1.164 euros.

No caso de Sucesións, o colectivo avoga por achegar o tributo entre comunidades, polo menos os tipos mínimos. E é que a brecha entre unhas e outras é tamén considerable. A modo de exemplo, un solteiro de 30 anos que herda bens do seu pai por valor de 800.000 euros, dos que 200.000 corresponden á vivenda do falecido, paga 164.049 euros en Andalucía fronte aos apenas 134 de Canarias. En Galicia o fisco reclamaralle 15.040 euros.

BAIXA RECAUDACIÓN. Ademais de deixar patentes estas diferenzas no pago de impostos en función da comunidade onde se resida, o informe volve pór o acento na escasa capacidade recautatoria dos 79 impostos propios cos que contan as autonomías, na súa maioría ambientais e algúns en suspenso, bonificados ao 100% ou declarados inconstitucionais. E é que só achegaron o 2,2% dos seus ingresos tributarios en 2015 uns 88,6 millóns -5,26 no caso de Galicia, onde representan o 1,6% de toda a recadación-. A cifra descendeu con respecto a 2014, polo que segue sendo unha escasa fonte de financiamento para as autonomías. De feito, os asesores fiscais sosteñen que nalgúns casos custan máis do que achegan.

Ademais, observan "certa teatralidade" nas modificacines fiscais que realizan as comunidades, cifrando en 677 os cambios normativos, bonificacións ou deducións establecidas. "Xogan a baixar e subir impostos, pero a incidencia no orzamento é moito menor que a que ten de cara aos votantes", sinalou este luns o presidente do Consello Xeral de Economistas, Valentín Pich. Ao seu xuízo, a reforma do modelo de financiamento autonómico é necesaria para corrixir un sistema "espeso e incomprensible".

Comentarios