As regulacións afectaron a case 9.000 galegos ata o mes de setembro

O número de traballadores afectados por regulacións de emprego ata setembro afectou en Galicia a 8.687 persoas nun total de 748 expedientes de regulación autorizados, segundo o Boletín de Estatísticas Laborais (BEL) do Ministerio de Traballo e Inmigración.

Este boletín sinala que no conxunto do Estado o número de regulacións ata setembro descendeu o 52,8% respecto o mesmo período de 2009, mentres que o número de expedientes de regulación de emprego (Ere) baixou o 18,6%. Entre xaneiro e setembro aplicáronse 12.914 Ere, fronte aos 15.866 do ano anterior, que afectaron a 218.097 traballadores, en comparación con 462.514 un ano antes.

Dos Ere autorizados, 10.960 foron pactados (18,4% menos) para 178.226 persoas (53% menos), mentres que 1.104 non o foron (20,5% menos) e afectaron a 24.685 traballadores (56,4% menos). Por tipo expediente, 2.527 foron de extinción (18,6% menos), 7.885 de suspensión (21,8% menos) e 1.652 de redución (1,3% máis).

Se se desglosa por sectores, 4.212 traballadores afectados por Ere autorizados eran do agrario (27% menos), 132.185 da industria (61,6% menos), 17.506 da construción (19,8% máis) e 49.008 de servizos (30,9% menos).

Por comunidades e expedientes autorizados, Cataluña situouse á cabeza con 2.260, seguida da Comunidade Valenciana (2.022), País Vasco (1.628), Andalucía (926), Madrid (874), Galicia (748), Aragón (677), Castela e León (659) e Asturias (466). Seguíronlle Navarra (363), Castela-A Mancha (335), Cantabria (270), Canarias (257), Murcia (215), A Rioxa (141), Estremadura (131), Baleares (89) e Ceuta e Melilla (3).

Por traballadores afectados, Cataluña liderou a estatística con 41.429, seguida do País Vasco (32.996), Comunidade Valenciana (26.010), Madrid (20.318), Aragón (12.097), Andalucía (11.897), Asturias (11.291), Castela e León (11.030) e Galicia (8.687). Detrás situáronse Navarra (6.878), Castela-A Mancha (4.716), Cantabria (4.400), Canarias (3.629), A Rioxa (2.717), Murcia (2.474), Estremadura (1.589), Baleares (728) e Ceuta e Melilla (25).

Comentarios