A Xunta estuda que as mariscadoras cesen a súa actividade durante o embarazo

O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, asegurou este xoves que o obxectivo do Goberno galego é facer do marisqueo unha actividade "sostible económica, ambiental e socialmente", e defendeu a necesidade de enviar aos mercados "unha mensaxe de calidade" para que esta actividade produtiva "perdure durante décadas e décadas".

Así mesmo, avanzou que o seu Executivo estuda facer modificacións nos permisos de explotación (permex) das mariscadoras para que, entre outras necesidades, cesen temporalmente a súa actividade en caso de embarazo.

Feijóo fixo estas declaracións durante unha visita aos bancos marisqueiros da localidade pontevedresa de Cambados, onde reiterou o "compromiso" do seu Goberno con esta actividade "estratéxica" que emprega a máis de 10.000 persoas e que ten unhas condicións "moi específicas", posto que o 95% dos traballadores son mulleres e o 60% son persoas de máis de cincuenta anos.

Sanear as rías e potenciar o produto galego
No ámbito ambiental, insistiu en que o "gran compromiso" da Xunta é lograr o "saneamento integral" de todas as rías galegas entre 2013 e 2015, para o que investirán máis de 350 millóns de euros. Así mesmo, destacou tamén o "compromiso" de loitar contra o furtivismo, unha actividade que "esquilma o pan de moitas familias" e que "vai contra a viabilidade económica" da actividade marisqueira.

No económico, asegurou que, "a pesar da crise", a Xunta vai facer "todo o posible" para potenciar a comercialización dos produtos galegos", posto que este sector non só ha de producir senón tamén "vender coa maior calidade posible". A este respecto fixo alusión ao labor realizado no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intercmar), situado en Vilagarcía.

Comentarios