A vella Pescanova, valorada en 862.131 euros

A cifra actual atópase moi afastada dos 170 millóns de euros que custaba en marzo de 2013, no momento da súa suspensión en bolsa ► Os minoritarios advirten de que a volta a cotizar sería ilegal
Sede de Pescanova, en Chapela
photo_camera Sede de Pescanova, en Chapela

A 'vella' Pescanova, a sociedade que aglutina aos antigos propietarios da pesqueira e que conta co 1,6% de Nueva Pescanova, está valorada a prezos de mercado en 862.131,54 euros na actualidade, unha cifra moi afastada dos 170 millóns de euros que custaba en marzo de 2013, no momento da súa suspensión en bolsa. En concreto e en virtude das últimas transaccións, as accións da compañía teñen fixado un prezo de 0,03 euros por título, segundo a valoración presentada á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). A este prezo, as 28,7 millóns de accións que compón na actualidade o capital social da sociedade suman un valor global de 862.131,54 euros.

Esta valoración sitúase moi por baixo da capitalización que tiña a compañía no momento da suspensión da súa cotización, a mediados de marzo de 2013, que alcanzaba os 169,79 millóns de euros, tendo en conta que deixou de cotizar a 5,91 euros por acción. Desta forma, a compañía, cuxo primeiro accionista é o fondo Broadbill, cun 11,564%, continúa cos seus trámites para regresar ao parqué, o que podería suceder, segundo fontes do sector, nos meses de verán.

De feito, o presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), Sebastián Albella, xa avanzou o pasado mes de abril que Pescanova volvería cotizar "en menos de dous meses", logo de levar suspendida desde 2013 por problemas nas súas contas.

A compañía continúa cos seus trámites para regresar ao parqué, o que podería suceder, segundo fontes do sector, nos meses de verán



A anterior xestión da pesqueira alertou de que tras estar suspendida a cotización das accións por máis de tres anos, desde o 12 de marzo de 2013, pódese desencadear unha "venda masiva de accións" nos primeiros días ou semanas de cotización, o que traería consigo unha "gran volatilidade de prezos" da acción. "Os accionistas deben afrontar unha drástica perda de valor", indicaron fontes do sector.

A participada de Nueva Pescanova denunciou que recentemente se realizaron operacións de compra e venda de accións da sociedade, "fóra de mercado e non comunicadas", representativas dunha porcentaxe relevante do seu capital social.

Doutra banda, accionistas minoritarios de Pescanova aseguraron que a volta á cotización da compañía sería "ilegal", xa que as contas da firma non están auditadas e suporía "un roubo" a 9.000 pequenos investidores, segundo informaron nun comunicado.

Os minoritarios recordaron ao presidente da CNMV, Sebastián Albella, que un requisito "imprescindible" para que as accións dunha empresa poidan cotizar ou renovar a súa cotización, é que as súas contas trimestrais estean presentadas e auditadas, situación que non se dá na 'vella' Pescanova.

Tras a ampliación de capital aprobada hai uns meses por Nueva Pescanova, a participación da 'vella Pescanova' diluíuse do 20% ao 1,6% co que conta na actualidade, un cambio que lle comunicou á CNMV nun escrito no que volve solicitar por terceira vez o seu regreso ao parqué.

O fondo de investimento norteamericano Broadbill Investment Partners, cun 11,564% do capital social, é o principal accionista de Pescanova cun total de 3,3 millóns de accións, seguido polo expresidente da pesqueira, Manuel Fernández de Sousa (7,515%), o fondo Luxempart (7,281%) e Carolina Masaveu (7,133%). 

Doutra banda, a 'vella' Pescanova estimou que non será posible a repartición de dividendos previsto por Nueva Pescanova ata que se devolva a totalidade da débeda concursal prevista ata o ano 2044, segundo consta na documentación remitida á CNMV.

Comentarios